A Lusofonía lembra a Narf  no ‘Cantos na Maré’

O Festival Internacional de Lusofonía reunirá a Guadi Galego, Paulo Flores, Celina da Piedade, Manecas Costa e a Kátya Teixeira o vindeiro 14 de xaneiro no Pazo da Cultura de Pontevedra.

cantos
photo_camera Presentación do Festival Internacional de Lusofonía 'Cantos na Maré' esta mañá en Pontevedra

Na segunda feira presentouse o programa da décimoterceira edición do Festival Internacional de Lusofonía ‘Cantos na Maré’. Este ano hai un oco baleiro. Fran Pérez é un referente da música galega. Un artista paradigmático. ‘Cantos na Maré’ lembra a súa figura con Manecas Costa, que gravou con el en 2009 o disco ‘Aló Irmão’. Tamén contarán coa presenza de Paulo Flores, unha das principais referencias da música de Angola e defensor do estilo musical Semba; Katya Teixeira, que chega do outro lado do océano cunha ampla baraxe de saberes e sonoridades do Brasil; Celina da Piedade desde o Alentejo e Guadi Galego, que virá cargada con novas músicas procedentes do seu recén estreado álbum ‘O mundo está parado’ e sostendo aínda o Premio Martín Códax da Música 2016 á mellor artista na categoría de canción de autor, polo seu anterior traballo ‘Lúas de outubro e agosto’. 

As e os artistas estarán acompañados por unha banda dirixida por Paulo Borges, director musical, coa presenza tamén no escenario de Uxía,directora artística. Ademais, haberá unha ou un último convidado sorpresa que irán desvelando os próximos días. 

Durante a presentación, que tivo lugar esta mañá, o director de AGADIC fixo fincapé na importancia do festival desde a entrada en vigor da ‘Lei Paz Andrade’ e afirmou que a figura de Narf “ben pode ser o símbolo de ‘Cantos de Maré’ por canto toda a súa carreira tivo de xenerosidade musical e de alento positivo a través da crenza firme na música como lugar común, feliz e posible, por riba dos territorios". Por outra banda, Vítor Belho asegurou que esta vai ser “unha edición das máis espectaculares e marca o fin dun ciclo que dará pé a un novo proxecto que vai abrir novos camiños para a internacionalización dos nosos artistas e tamén das actividades vinculadas á música que empregará a cidade de Pontevedra como escenario e no que a cidadanía terá un papel moi importante”.

Actividades complementarias

‘Cantos na Maré’ tamén ofrece diversas actividades, entre as que destacan un curso de canto alentexano a cargo de Celina da Piedade, un encontro de Kátya Teixeira con escolares e unha conversa musical con Manecas costa e amig*s na Casa das Crechas o día 12 de xaneiro.