Lupe Gómez e Daniel Asorey gañan o XX Premio González Garcés de poesía da Deputación da Coruña

O confinamento e unha proposta de amores, alianzas e rebeldía protagonizan os dous libros.

Reunion Xurado Gonzalez Garces
photo_camera Reunion Xurado Gonzalez Garces

Silabario da peste de Lupe Gómez e Contra natura de Daniel Asorey son as obras gañadoras do Premio González Garcés de poesía da Deputación da Coruña que chega este ano a súa vixésima edición. O premio, que se concede ex aequo, está dotado con 6.500 euros máis a publicación das obras.

O xurado estivo composto polas poetas Lorena Conde, María Lado, Ánxela Lema, Eli Ríos e Antón Lopo co deputado de Cultura, Xurxo Couto como presidente e a xefa de sección de Cultura, Manuela Muñiz como secretaria.

Da obra de Lupe Gómez o xurado destaca que é un "libro cruzado polas atmosferas do confinamento no que a voz da súa autora mantén o pulso poderoso da poesía como instrumento de supervivencia. A palabra rompe o silencio e convértese a través dunha escrita convulsa nunha explosión vital e escintilante".

En canto ao poemario de Daniel Asorey o xurado fincapé na interesante "incidencia da voz poética na necesidade de irmandade sobre a non normatividade e aposta polo colectivo, o cal converte este libro nunha insólita proposta de amores, alianzas e rebeldía".

O xurado destaca tamén o alto nivel dos máis de sesenta libros presentados a esta convocatoria, o que "demostra a boa saúde da literatura galega e, en concreto, da poesía". Precisamente, a altura das obras presentadas motivou un gran debate e propiciou que, ante unha decisión especialmente difícil, o xurado decidise declarar ex aequo o premio e reflectir neste fallo a riquísima variedade das liñas creativas presentadas ao concurso.

Daniel Asorey Vidal (Santiago), profesor de lingua galega e literatura, é autor de artigos, relatorios e libros de texto. No eido literario, obtivo o Premio Nélida Piñón de Relato (2018), o Certame de Narracións Manuel Murguía (2002), Terra de Melide (2001) e o Certame de Relato Curto Cidade Vella (1988). A súa novela Nordeste acadou o Premio Repsol de Narrativa Breve (2016) e ficou finalista dos Premios da Crítica de Galiza (2017) e do Premio San Clemente Rosalía Abanca (2017). O seu poemario Transmatria (Edicións Xerais, 2019) gañou a XXI edición do Premio Johán Carballeira de Poesía. A novela As mulleres da fin do mundo foi finalista da XXXIII edición do Premio Xerais de Novela.

Lupe Gómez (Fisteus, Curtis), estudou Xornalismo en Santiago e é autora e libros como O útero dos cabalos, Azul e estranxeira, Quero Bailar, Diario dun bar, Diálogos imposíbeis ou A grafía dos mapas.  Gañou premios como o Lorenzo Baleirón, o Johán carballeira, o Premio da Critica española ou, en dúas ocasións, o Premio da Gala do Libro Galego, ademais do Rosalía de Castro e o Selic do Concello de Santiago. A súa obra Camuflaxe foi traducida ao inglés e ao español e o seu primeiro libro, Pornografía, (1995) foi traducido ao español en 2019.

A súa última obra publicada coa editorial Alvarellos titúlase Fosforescencias e nela recolle cartas poéticas. Co concello de Santiago editará Caracois de Belvís e coa editorial Chan da Pólvora reeditará o seu libro Fisteus.

Comentarios