Lupe Gómez colabora con Amancio Prada no seu próximo disco

Levaba anos calada, tanto xornalística como literariamente, e volve con forza co poemario 'Camuflaxe'. Pero hai máis novidades arredor deste regreso...

IMG_6780
photo_camera Lupe Gómez na libraría Chan da Pólvora [Foto: Alexandre Fernández]

Lupe Gómez leva anos escribíndose con personaxes de todo tipo, desde John Berger a Antonio Gamoneda, pasando por Xosé Neira Vilas ou Xohana Torres. E dunha destas correspondencias naceu unha frutífera colaboración con Amancio Prada que -se nada se torce- se convertirá nun novo disco do músico berciano. 

"Para min está a ser un traballo moi interesante, moi estimulante, no que levamos máis dun ano", recoñece a poeta de Fisteus. "Eu estaba caladiña nesa época de camuflaxe, entón el díxome: 'por que non facemos algo xuntos?' Porque é moi admirador da miña obra. Eu coñecino nun concerto e quedei namorada del. Gustoume moitísimo en directo, escribinlle e entramos en contacto", explica.

Eu envíolle os textos e el envíame cancións, pero é un traballo que nos deixamos moita marxe un ao outro

E a partir de aí Prada deulle un título: "Ramo de oracións', que é el así moi místico. E a partir dese título eu empecei a escribir. Eu escribo a partir da súa música, e inflúe moitísimo en min, docifica a miña escritura. Eu envieille unha montaña de versos, escribo moito, porque teño un ritmo moi constante, de escribir todos os días. É un traballo moi estimulante para os dous, eu teño toda a súa discografía que me foi regalando e fun mercando. Escóitoo a el todas as noites, porque me atrapa, me seduce, me namora. Entón eu envíolle os textos e el envíame cancións, pero é un traballo que nos deixamos moita marxe un ao outro, facelo con paciencia, sen darnos présa, sen esixirnos nada, dándonos liberdade".

Un novo libro este ano

Lupe Gómez non é muller dunha soa editorial. Publicou en case todas elas e fixo unhas cantas autoedicións, coma a do seu primeiro libro, 'Pornografía', que provocou un forte impacto na tranquila vida cultural galega. Era directo, era atrevido e saíase das marxes. 

"Traballei moito con editoriais pequenas, sempre me sinto mellor coas pequenas que coas importantes. Non publiquei nunca en Galaxia, por exemplo, e en Xerais só publiquei un libro", explica. E agora está a preparar un novo proxecto con Alvarellos para publicar un espistolario, "porque eu dedícome moito a escribir cartas". 

A miña escritura é algo que está fóra das redes sociais porque é algo que se fai coas mans, coa caligrafía.

"En todos estes anos que estiven calada escribín moitísimas cartas. A miña escritura é algo que está fóra das redes sociais porque é algo que se fai coas mans, coa caligrafía. Escribo unha carta case día case. Escribo un rascuño, logo paso todo a mao e logo fago unha copia tamén a mao para min. Por iso teño a mao xa deformada. Fanme tanta ilusión. Enviala e, claro, recibila moito máis. Tanto como publicar un libro. Para min é unha forma de edición. Sempre foi a miña forma de escribir, a través de cartas".

Neste epistolario poderemos atopar cartas de Neira Vilas, de Xohana Torres ou do poeta español Antonio Gamoneda. E dalgúns amigos da poeta, "algúns que son escritores e outros que non". Lupe defende a literatura feita a man, artesanal, "algo que está afastado das máquinas e dos dispositivos". "É algo que me reconcilia coa natureza, e coa vida e co ser humano. Son 300 páxinas e teño que reducilo á metade. Entón cóstame moito porque hai cousas que me dá pena sacar. Pero vou facendo e para finais de ano se cadra xa sae. Titúlase 'Fosforescencias'. Porque a carta é algo que te ilumina, que é vida", conta. 

Comentarios