Lume no teatro

teatro
photo_camera teatro

Na noite do 3 ao 4 de xaneiro de 1867, na Coruña, un incendio destrúe o Teatro Principal, hoxe, e desde 1909, Teatro Rosalía. En 1868 comezan as obras de reconstrución que lle dan o aspecto que agora coñecemos, sobre todo na decoración pictórica.

Na mañá do 8 de febreiro, durante o antroido de 1910, un incendio arrasou o teatro Rosalía de Castro de Vigo, que antes se chamara Teatro Romea, logo Cervantes, e despois, até hoxe, García Barbón. Levaba nome de Rosalía desde 1900. Durante os anos 1909 e 1910 Galiza contou con dous teatros Rosalía de Castro, na Coruña e en Vigo.

Tamén Pontevedra viu arder o seu Teatro Principal. Arrasou con el o lume un 14 de abril de 1980. Mais antes desfrutou de 100 anos de boas veladas desde aquel 1878 inaugural.

Ferrol viu nacer da cinza o Jofre actual, antes denominado Nicolás Settaro en honra ao seu construtor no ano 1769. Ardeu o 15 de novembro de 1807. Inaugurouse de novo en 19 de maio de 1892, converténdose no símbolo teatral da cidade e da Galiza. Aquí tiveron lugar todos os espectáculos de ópera italiana, a cargo da compañía de José Tolosa.

Houbo máis teatros alcanzados polo lume. E máis que morreron por desuso. Por iso hai quen pensa que é mellor arder que apagarse lentamente.

Comentarios