Luis Zahera, premio Cinema Galego do FIC de Bueu 2019

O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu recoñece a traxectoria do actor.

luis zahera

Luis Zahera recibirá o Premio Cinema Galego no 12º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, que se desenvolverá entre o 6 e o 14 de setembro. Ademais, o público do FICBUEU 2019 poderá coñecer de primeira man a intensa traxectoria do actor compostelán no Encontro con Luis Zahera, que terá lugar o sábado día 7 no Centro Social do Mar, a partir das 18 horas.

Zahera entrou nos fogares galegos a finais dos anos 90 como o mítico taberneiro “Petróleo” de Mareas vivas e a día de hoxe conta cun amplo percorrido en televisión, teatro e cine, onde interpretou memorábeis secundarios. Concursante, Celda 211 ou Que dios nos perdone son algunhas das longametraxes que inclúe o seu currículum, aínda que no último ano cómpre destacar o seu papel maxistral na película El reino, de Rodrigo Sorogoyen, que lle valeu un Goya ao mellor actor de reparto. Ten pendente de estrea asemade Mientras dure la guerra, filme dirixido por Alejandro Amenábar. No entanto, non deixou de traballar en series de éxito, como Sin tetas no hay paraíso ou a recente Vivir sin permiso.

O Encontro con Luis Zahera porá de relevo unha das facetas máis descoñecidas da súa carreira coa proxección de tres traballos curtos. A curtametraxe O matachín, dirixida por Jorge Coira en 1996 e protagonizada por uns novísimos Zahera e Luis Tosar, está xa considerada un clásico do audiovisual galego. Marina, de Álex Montoya, é unha obra de 2010, pois o homenaxeado nunca deixou de traballar neste xénero. A sesión completarase cun capítulo de Entre pipas, a singular webserie que coprotagoniza canda Xúlio Abonjo.

Comentarios