Luís Zahera, Goya ao mellor actor de reparto

O actor galego lembrou no seu discurso as palabras do seu pai: "Fillo, moito tes que traballar para non ter que traballar". Galiza estivo presente noutras categorías e o filme de Dani de la Torre fíxose con tres premios, os de mellor dirección de fotografía, mellor dirección artística e vestiario. 

Luís Zahera
photo_camera Luís Zahera

A trixésimo terceira edición dos Premios Goya do cine español premiou o galego Luís Zahera como mellor actor de reparto polo seu papel na película "El reino", de Rodrigo Sorogoyen. Foi este filme un dos protagonistas da gala, con outros seis galardóns, entre eles o de mellor actor, para Antonio de la Torre, aínda que o premio á mellor película foi finalmente para "Campeones", que tamén conta con participación galega. Con todo, o ferrolán Javier Gutiérrez, que estaba nominado, non puido finalmente conseguir obter o seu segundo recoñecemento na categoría de actor principal, trala que acadou hai uns anos con "La isla mínima". 

Zahera quixo homenaxear no seu discurso todos os actores e actrices de reparto e, cun discurso inzado de humor, lembrou as palabras do seu pai: "Fillo, moito tes que traballar para non ter que traballar". O traballo polo que obtivo o premio, "El reino", foi un dos triunfadores da noite. Así, ademais de acadar os premios ao mellor actor -Antonio de la Torre-, levou tamén os de mellor montaxe -Alberto del Campo-, guión orixinal -Isabel Peña e Rodrigo Sorogoyen-, mellor son -Roberto Fernández e Alfonso Raposo-, mellor música orixinal -Olivier Arson- e mellor dirección, para Sorogoyen. 

O de Zahera non foi o único premio para Galiza. "La sombra de la ley", de Dani de la Torre e a produtora Vaca Films, foi recoñecida nas categorías de mellor dirección de fotografía -Josu Intxáustegi-, dirección artística -Juan Pedro de Gaspar- e vestiario -Clara Vidal-. 

Comentarios