A mostra estará aberta até o mes de abril

Luís Seoane desde a revista arxentina 'Ver e estimar'

A vindeira sexta feira a Fundación Luís Seoane inaugura a mostra Modernidades diverxentes, que analiza a relación entre a obra de Luís Seoane e a prestixiosa revista Ver e estimar, dirixida polo crítico de arte arxentino Jorge Romero Brest entre 1948 e 1955. 
MD_001
photo_camera O lenzo 'Figuras de lenda', creado por Seoane en 1948. (Foto: Nós Diario)

Pablo García Martínez é o investigador que comisaria esta exposición, Modernidades diverxentes, centrada nunha parte da actividade de Seoane na Arxentina, que até o de agora era descoñecida na Galiza. A mostra, poderá verse na Fundación Luís Seoane desde a sexta feira até o mes de abril.

Os seus encontros e desencontros coa modernidade porteña, que dinamizou Romero Brest a través da súa revista, son algúns deses aspectos.

O propio nome da mostra, Modernidades diverxentes, fai referencia a ese distanciamento entre os dous compañeiros na arte e no antifascismo arxentino, unha separación causada pola inclinación da revista cara aos postulados do expresionismo abstracto, que chocaban de fronte coa resistencia de Luís Seoane a desvencellarse da figuración da tradición humanista.

O proxecto reúne unha serie de lenzos de Luís Seoane que se amosaron ao público, por primeira vez, en exposicións analizadas nas páxinas de Ver e estimar, e que van acompañados por breves textos informativos que contextualizan aquel momento histórico.

No espazo expositivo reprodúcense a grande escala unha serie de fragmentos de escritos realizados por Seoane durante eses anos de vida na Arxentina, nos que explica a súa postura arredor da súa propia produción, así como pasaxes tomadas das críticas que lle dedicou a revista.

Así, a cultura impresa ocupa un lugar destacado na mostra a través dos exemplares de Ver e estimar nos que apareceron esas críticas e, entre as que destaca o número 6 da segunda época da revista, coa cuberta deseñada polo propio Seoane. Ao carón destes, inclúense materiais pertencentes aos fondos da Fundación Luís Seoane e que dan conta do labor do creador galego durante as dúas primeiras décadas da súa estadía en Bos Aires

Modernidades diverxentes recrea o diálogo que se estabeleceu entre a histórica revista e o pintor, dando a coñecer os aspectos teóricos defendidos por Seoane a través dos seus escritos e afondando nun momento chave na evolución da súa obra plástica, como os deseños realizados para un dos seus proxectos editoriais, Botella ao mar. 

Comentarios