O intelectual exiliado foi deseñador de referencia

Luís Seoane e as formas do mundo

A Luís Seoane (Bos Aires, 1910 – A Coruña, 1979) preocupábanlle as formas do mundo. Atento á maneira en que as persoas organizan a súa vida, como o vello socialista inglés William Morris optaba pola democratización do dereito á beleza. O seu inxente traballo como deseñador non é o máis recoñecido dos ángulos do intelectual exiliado, pero si fundamental para comprendelo.
 

luís seoane
photo_camera Luís Seoane.

“Sempre que topamos con figuras de tantas actividades e tan diversas, tendemos a esquecer algunha das súas faces”, considera o deseñador gráfico Pepe Barro, “e, ademais, o deseño tende a se confundir coa arte”. A Academia Galega de Belas Artes decidiu dedicar a Seoane o Día das Artes Galegas 2019. Dramaturgo e autor de poesía política de alta voltaxe, en 1994 recibira o das Letras Galegas. Mais a disciplina do deseño, da que foi avanzado practicante, está, dalgún xeito, en terra de ninguén.

seoane otard-dupuy

“Sen dúbida, é a súa faceta máis descoñecida”, opina Suso Vázquez, do estudio Desescribir da Coruña, “adoita aparecer como subsidiaria do artista”. É certo que, por veces, as fronteiras son borrosas. Barro recorda como Luís Seoane resolvía a cuberta dun libro cunha ilustración “que se autoencarga”. “Trátase dun magma en que todo se funde”, engade. Porén, o traballo de Seoane cos libros non remata, nin moito menos, na cuberta.

Diagramador, tipografista, creador de editoriais e coleccións, el mesmo autor e tradutor, o libro foi, durante décadas, o seu hábitat natural. Para a deseñadora Uqui Permui, con oficina en Compostela, “Seoane realiza o cambio en Galiza. Pásase do traballo de Maside e outros artistas, ilustradores e portadistas, a unha idea moderna do deseño”. Esa que marcou a industria editorial galega da longa noite de pedra.

cartaz seoane

“A súa actitude intelectual era a de coñecer a tradición e, ao tempo, iniciar unha nova tradición. Por exemplo, as capas de Galaxia nos anos 50 e 60, obra de Xohán Ledo, non se entenden sen Seoane”, lembra Suso Vázquez, “aquela industria editorial, malia as dificultades, era unha industria chea de luz”. No concreto, salienta a decisión de que cuberta e contracuberta levasen unha mesma ilustración, en continuidade: “Nos anos cincuenta iso era revolucionario”.

Mais o Luís Seoane construtor de libros non traballaba desde a nada. Pepe Barro sinala que, xa antes da Guerra Civil, o artista frecuentaba a imprenta de Ánxel Casal, en Compostela. Contaba con certa bagaxe. “Era, ademais, un home moi informado. Estaba ao tanto”, di, antes de explicar unha das últimas viravoltas estéticas na traxectoria de Seoane, fundamental para enxergar o seu achegamento ao deseño a partir dos 50: “Busca outras fontes e achégase á arte concreta arxentina”.

De Picasso e Matisse -dúas referencias da primeira fase da súa pintura- ás novísimas vangardas latinoamericanas. A arte concreta conectou despois coa escola suíza de Ulm, promovida por Max Bill e que procuraba recoller o legado da Bauhaus. “Seoane achégase ás súas formas, á revista Nueva Visión, bebe deses deseñadores e artistas máis novos”, afirma Barro. Uqui Permui menciona, a maiores, a gráfica brasileira dos 60, que combina “a dureza máis alemá coa cultura propia”.

cartaz seoana cinzano

A pegada de Ulm, en todo caso, séntese no famoso cartaz para os vermús Cinzano. Que, explica Pepe Barro, foi un encargo da empresa ao daquela xa célebre artista Luís Seoane. Ou nos murais do Teatro da Sociedade Hebraica e das Galerías Larreta, ambos os dous en Bos Aires. “Fixo os únicos murais desa corrente na Arxentina”, di. Esta defendía que arte se pode definir por regras matemáticas. Seoane, por suposto, non se axustou a esta rixidez: levouna ao seu rego.

“Enriquecer o mundo coa nosa diferenza”


“Pensaba e repensaba a cultura e a identidade galegas pero, ao mesmo tempo, estaba no mundo con outros deseñadores”, responde Uqui Permui á pregunta de que aprendeu del: “Nós non deixamos de facer o mesmo. Dalgunha maneira sempre traballamos entre o pasado e o futuro”. A teima por non se desfacer das raíces e de “facer as cousas desde o que te rodea” facían parte do seu modo de operacións. Sublimaríao como ideólogo do proxecto Sargadelos, ao que achegou a teoría que Díaz Pardo executou.

Salienta Suso Vázquez outra idea fulcral de Seoane, e do século XX, a de compromiso . “Cun territorio e co seu tempo, e co traballo do día a día”, entende. Eis o intelectual total, que busca aglutinar vontades de mudanza, incidir en todos campos da vida pública, funda xornais, revistas, organiza simposios, teoriza, constrúe o Laboratorio de Formas como tanque de pensamento de Sargadelos. “Sempre a prol do ben común”, sexa a través do deseño ou de calquera das outras actividades en que se envolveu. “Si, hai que falar del como dun intelectual”, sintetiza Pepe Barro, agudo estudoso da figura.

“Traballou no deseño desde un punto de vista radicalmente contemporáneo, mais tamén facendo crítica do Movemento Moderno porque, segundo Seoane, todo o unificaba”, resume, “e esa dualidade non sempre é doada de levar adiante”. Con todo, a grande aprendizaxe, sinala Barro como conclusión, “é o deber de enriquecer o mundo coa nosa diferenza”.

Nota: deseños de Luís Seoane.

Comentarios