'Confín dos verdes castros e valeroso clan!'

Luis Cordeiro: “Os materiais de importación rexistrados nas escavación no castro de Fazouro demostraría un papel na navegación cantábrica”

O arqueólogo Luis Cordeiro analiza o castro de Fazouro, en Foz, na Mariña, á beira do mar. Unha nova entrega do coleccionábel ‘Confín dos verdes castros e valeroso clan!’.

Luis Cordeiro
photo_camera Luis Cordeiro

En relación ao castro de Fazouro, fas moito fincapé no perigo -de cara ás investigacións- da perda de información causada pola acción mariña. Isto debe levar as administracións públicas a atender de xeito prioritario as investigacións en castros costeiros (con perigos inminentes que afecten a estruturas)? Debería haber unha planificación nese sentido?

Evidentemente a acción do mar está a realizar unha destrución continua de cada un dos xacementos provocando unha perda irrecuperábel de información, polo que as institucións deberían, certamente, actuar con urxencia.

Si que é certo que actualmente existe unha maior concienciación sobre a problemática. Recentemente realizouse un estudo para avaliar o impacto da acción mariña sobre varios xacementos. Xunto con isto, realizáronse varias actuacións de urxencia no xacemento do Carreiro e no forno romano de Esteiro. Sen embargo, noutros xacementos como o de A Pampillosa non se realizou ningún tipo de medida paliativa que evitara que se perdera unha boa parte do xacemento.

Atopar escouras así como materiais cerámicos -de producións importadas- debería levarnos a pensar que Fazouro era un castro esencial no tráfico marítimo cantábrico? Ou, noutras palabras, sería lóxico pensar  nun castro -na rasa costeira- que fora o centro neurálxico na Mariña e que tivese un papel preponderante nas relacións comerciais na contorna cantábrica ou estamos ante moitos asentamentos de entidade menor e independentes entre si?

Tal como comento no artigo, na rasa costeira hai unha alta densidade deste tipo de xacementos, o cal non quere dicir- até que intervencións futuras o confirmen ou desmintan- que todos sexan coetáneos.

O que si é seguro e que os xacementos tiveron un vínculo coa navegación mariña cantábrica, posibelmente vinculada a unha actividade mineira que semella, polos diferentes torques aparecidos en Burela e Cú do Castro, que se exerceu xa con anterioridade á dominación romana

En canto a se Fazouro foi ou non centro neurálxico, até o momento non podemos ir máis alá das meras suposicións posto que a superficie escavada do castro é pequena e non nos permite establecer valoracións dese tipo. Si que é certo que os materiais de importación rexistrados nas escavación no castro demostraría un papel do mesmo na navegación cantábrica, se ben, tamén noutros xacementos da rasa se documentan este tipo de materiais co cal non podemos concluír cos escasos datos que posuímos até o momento a función de cada un dos castros da rasa no contexto do Cantábrico

En relación ao folclore relacionado cos castros costeiros, existe algunha particularidade que os diferencie respecto do interior? Aparecen aquí tamén os "mouros" e lendas relacionadas co ouro e túneles?

En canto as lendas asociadas ao patrimonio, estas non están vinculadas a un tipo de xacemento ou unha cronoloxía concreta; as mouras e mouros poden estar presentes nunha mámoa como poden estar nun castro ou nun castelo.

No caso focense, vinculado á costa temos a lenda dun túnel que chegaría até o Pico do Castro (a uns dous quilómetros cara ao interior), tendo neste caso unha particularidade. O túnel existe nas proximidades do xacemento do Carreiro, e o túnel semella ter un longo percorrido e aí o deixo.

Subscríbete

As subscritoras e subscritores recibirán as entregas do coleccionábel, de terzas a sextas feiras, cada día con Nós Diario, ben en papel ben para a lectura na nube, en función da modalidade elixida. Se non es asinante, podes sumarte en nosdiario.gal, ou ben podes reservar o diario en papel nos quioscos.

Comentarios