Cultura

Luis Brage no baúl da música esquecida

Luis R. Brage deixou unha pegada profunda na música do país, autor da rapsodia galega por excelencia: 'Follas novas'. Porén, o seu nome permanece case no anonimato. Unha publicación do Consello da Cultura Galega, que asina o musicólogo David Ferreiro, rescata e contextualiza a relevancia das 
súas achegas. 
Luis Brage coa súa compañeira Eloísa de la Fuente (Arquivo da familia)
photo_camera Luis Brage coa súa compañeira Eloísa de la Fuente (Arquivo da familia)

Non hai banda, orfeón, orquestra ou coro que non pasase pola rapsodia galega por excelencia: "Follas novas". Porén, o nome do seu compositor resulta descoñecido para a maioría da sociedade. Falamos de Luis Brage, cuxa vida e obra protagonizan a última publicación do Consello da Cultura Galega (CCG). O estudo que asina David Ferreiro non se cingue ás vivencias, senón que se achega á persoa "en relación co contexto social, cultural e ideolóxico", o que permite entender a Galiza musical de principios do século XX, da que formou parte activa Brage en todos os eidos: orfeóns, orquestras, bandas...

O CCG xa recuperara en 2015 a mencionada obra canónica, mais completa agora a reivindicación da figura con Luis R. Brage Villar. Obra e memoria. O libro inclúe ademais tres pezas do seu repertorio bandístico recentemente recuperadas por Ferreiro: "O botafumeiro", "O gaiteiriño" e "Boris".

Para o desenvolvemento do estudo resultou fundamental a biblioteca de traballo que ficaba no interior da casa de Ribadavia que Brage abandonou ás présas en 1936, ante as posíbeis represalias tras o golpe de Estado. Na vila ficou a lenda de que existía un baúl con material do compositor. Ferreiro localizou o actual propietario da vivenda e descubriu que o que contaban era certo: alí atopou desde temas que empregaba para tocar até algunhas partituras propias, unha serie de documentos "indispensábeis para comprender a súa maneira de traballar". Tamén apareceu o libreto da zarzuela A fonte do lago, un proxecto que se lle debeu encargar pero que, polos motivos que for, non chegou a realizar.

Unha vida esquecida

O apelido deste autor é eminentemente coñecido polo pianista Ángel Brage Villar, irmán de Luis, que foi o primeiro director do Conservatorio de Santiago e na actualidade dá nome á sala grande do Auditorio da Galiza. A popularidade deste eclipsou unha figura que foi, ademais, vítima da represión baixo o réxime franquista. Nado en Compostela en 1886, Ferreiro define a súa primeira etapa vital como "itinerante". Moveuse entre 1886 e 1929 a través de diversas ocupacións musicais que moldearían a súa personalidade e a súa experiencia profesional. Formado en Santiago, pasou varios anos en Melilla, dirixiu brevemente o Orfeón Pontevedrés ou unha orquestra no Teatro da Zarzuela en Madrid, ademais de estar á fronte da orquestra do teatro García Barbón de Vigo. Así, a súa traxectoria ofrece unha visión "do panorama cultural e musical da Galiza do primeiro terzo do século XX", expresa Ferreiro.

A etapa máis activa da biografía de Brage é o período que pasa en Ribadavia (1929-1936). Para alén das representacións líricas, os bailes no Club Artístico e o Carnaval, o seu labor como director da banda de música La Lira vai ser o máis salientábel, e tamén o que leve a Ferreiro a se interesar pola figura, "musicalmente enchoupado das súas historias" durante os seus anos de formación na vila. "Da súa man esta agrupación converterase nun referente musical da Galiza daqueles anos, unha importancia que se acentuará a partir da chegada da Segunda República en 1931", escribe. Para alén de músico, Brage foi un activista cultural e un intelectual moi comprometido coa realidade da súa época, desde un ideario progresista vencellado ao galeguismo ou ás Irmandades da Fala. Todo isto custoulle a condena a morte, conmutada a 30 anos de cárcere dos que finalmente cumpriu tan só tres. Mais xa fóra do presidio, a represión e o ostracismo oficial aínda pesarían. Na práctica, foi a fin da súa carreira musical e "perdeu a popularidade proxección que tivera".

As obras recuperadas

O libro presenta, como parte da restauración da memoria de Brage, tres pezas recuperadas -aínda que non como parte do achado do baúl. "O botafumeiro" é un pasodobre bastante coñecido, mais do que non existía partitura fixada nin manuscrito orixinal. Deste tema, o propio Brage dixo que era a primeira obra de temática galega que compuxo. Pola súa banda, "O gaiteiriño" é unha especie de subxénero dentro da rapsodia do país á que o propio autor chamaba "cousa galega". Por último, recóllese "Boris", unha "rareza" dentro do repertorio do compositor que enlaza os temas da ópera Boris Godunov (Modest Mussorgsky).

De modo máis xeral, a obra de Brage encádrase, desde o punto de vista estilístico, dentro do conservadorismo estético que dominaba na primeira metade do século XX entre os compositores galegos. De tal maneira, o autor afonda nas raíces do "folclore e na música de tradición oral para compor as súas melodías", que harmoniza de forma clásica, "académica pero sinxela".

Comentarios