Festival en Lugo do 19 ao 21 de xullo

Blues no interior da muralla

O blues segundo o festival Blues Museum de Lugo excede as definicións canónicas. Eis a explicación de que sexa a saxofonista inglesa filla de xamaicanas YolanDa Brown que abra o encontro a sexta feira 19 de xuño, á unha e media do mediodía, nos xardíns do Museo Provincial cun “concerto familiar”.

YolanDa Brown
photo_camera A saxofonista británica YolanDa Brown, que participará no III Festival Blues Museum de Lugo. Foto: cedida.

E é que Brown, que repetirá ás nove e media da noite na praza da Soidade con Izo Fitzroy e Ben Poole, transita ademais polo jazz, o reggae, o rhythm and blues, o gospel: as músicas da diáspora africana provocada pola escravitude. Fitzroy, tamén inglesa, decántase cara ao soul blues e cita Janis Joplin entre os seus referentes.

Ben Poole recuncará o sábado, 20 de xullo, cunha clase maxistral nos xardíns do museo. Dedícase ao blues eléctrico de alta enerxía, duro, como o que practicaron no seu día o titánico irlandés Rory Gallagher ou o que aínda toca George Thorogood. Á noite, novamente na praza da Soidade, Aretha Soul Divas & the Silverbacks repasarán o imprescindíbel repertorio soul da Franklin.

Watermelon Slim, afroamericano, é unha das estrelas do festival. Activo desde os anos 60, cando colaborou con músicos contraculturais interesados no blues -Country Joe McDonald ou Canned Heat- ou co mito John Lee Hooker-, conta cunha ducia de álbums ao seu nome. Chris O'Leary será a terceira pata da noite do sábado, co seu blues influenciado polo rock.

O domingo, Izo Fitzroy pechará o terceiro Blues Museum á unha do mediodía nos xardíns do Museo Provincial. Organizan a Deputación e o Concello de Lugo.

Comentarios