Lugo envórcase co chairego Díaz Castro

A xeografía de Lugo está inscrita na biografía de Díaz Castro e, por esa razón, a Deputación envórcase nestes ano no que ese lle dedica o Día das Letras Galegas na conmemoración do poeta chairego. A publicación da obra completa, audiovisuais e outras iniciativas en colaboración con diversas entidades son algunhas das actuacións. 

.
photo_camera .

Na Escola da Conchada, na que Díaz Castro fixo os seus primeiros estudos, a área de cultura da Deputación de Lugo presentou o seu programa de actividades, en relación con asociacións e outras entidades, para honrar este ano o poeta chairego. 

O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, defendeu a necesidade de “poñer en valor a vida e obra de Díaz Castro, de quen outro chairego bo e xeneroso como foi o poeta Manuel María deixou escrito no seu libro Terra Chá que era “profunda voz d’Os Vilares: suco, semente, alto mastro, esencia e flor de ensoñares!”. 

Canda el, representantes de diversas entidades daban conta da colaboración da institución na elaboración de proxectos conxuntos como o documental “O instante eterno”, dirixido por Xosé Antón Cascudo que xa fora presentado na Casa Habanera de Guitiriz que defendeu como ferramenta de grande valor para dar a coñecer a obra de Díaz Castro. Na presentación participou tamén Armando Requeixo, investigador e especialista na obra de Díaz Castro de quen vén de presentar a súa tese doutoral, que coordinará a obra “Poesía Galega Completa”, editada por Galaxia, a necesaria compilación da obra completa do poeta na que a Deputación colabora desde a súa Área de Cultura. 

Un IES e unha asociacións claves

O IES Poeta Díaz Castro non só dinamiza o concello coas súas actividades arredor do escritor que lle dá nome senón foi un dos axentes que máis participou na campaña que reclamaba o Día das Letras Galegas para o poeta. Audivosuais e materiais didácticos son algunhas das liñas de actuación do centro que leva moito tempo traballando na obra e a figura de Díaz Castro e implicando non só o alumnado senón tamén a veciñanza da localidade. 

Profesor tamén no centro foi Alfonso Blanco Torrado, amigo do poeta e presidente da Asociación Cultural Xermolos, sen dúbida, a entidade á que máis se lle debe a recuperación e difusión da memoria de Díaz Castro. Da súa man nacerá un documento audiovisual coa colaboración da Quenlla. 

“Orgullámonos de poder presentar hoxe as moi diversas colaboracións que desde a área de Cultura contribuímos con gusto a impulsar, e de poder contribuír, deste xeito, ao recoñecemento dun galego bo e xeneroso que, mesmo estando na emigración, sempre levou moi dentro Galiza, sen esquecer nunca nin a súa terra nin a súa lingua”, sinalou Mario Outeiro no acto de presentación das actividades nas que lembrou os escritores Manuel Maria, tamén da Terra Chá e Carvalho Calero, moi vencellado a Lugo onde impartiu aulas, como merecedores do recoñecemento. 

Comentarios