Lugo revisita a figura de Ben-Cho-Shey

Descobrir unha das grandes figuras da nosa historia é o obxectivo da exposición Ben-Cho-Shey. 50 anos de maxisterio cultural (1918-1968). A música de Mini e Mero e a lectura dramatizada do seu Diario de Lugo abrirán a mostra hoxe día 14 ás 20 horas no Museo de Lugo
Ben Cho Shey
photo_camera Ben Cho Shey

No verán de 1937 Xosé Ramón Fernández Oxea, Ben-Cho-Shey, vese obrigado a abandoar Galiza para comezar o seu desterro en Cáceres cun expediente de depuración ás costas. Deposita os mobles da súa casa de Lugo na de Maruxa Domínguez e Uxío Campo, un casal amigo do Val do Incio. Son agora eles os que regresan á exposición que hoxe día 14 abre o Museo de Lugo para recuperar a inmensa figura de Ben-Cho-Shey, pedagogo, xornalista, etnógrafo, poeta e político galeguista e antifascista que deixou fonda pegada en quen tivo a sorte de telo tratado.

Promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo na súa liña de actuación dirixida a recuperar a memoria histórica, a mostra está comisariada por Xan Ramiro Cuba que artellou o espazo expositivo en catro apartados, unha fotobiografía que ofrece un percorrido cronolóxico pola súa vida, un espazo titulado “Andar e aguzar” que nos achega as súas múltiples facetas, un terceiro que mostra o seu papel no Partido Galeguista de Lugo que el presidiu e o cuarto que vencella a súa traxectoria coa vida social e cultural de Lugo entre os anos 1918 e 1968, desde a celebración da Asemblea Nacionalista na cidade até que declara no Tribunal de Orde Pública afavor de tres mozos lugueses detidos en Madrid.

Tamén fotógrafo

Imaxes, documentos e obxectos persoais constrúen a memoria de Ben-Cho-Shey, esquecida para a maioría mais de grande impronta para as persoas que o coñeceron en vida. Entre algunhas das descobertas, a súa faceta de fotógrafo de grandes acontecementos, que retratou coa súa cámara momentos únicos como mítines de Lois Peña Novo ou Vicente Bóveda no fervor do apoio ao Estatuto de 1936 do que lle debemos algunhas das máis singulares imaxes que serven de pórtico para a exposición de Lugo

 “Nos seus labres o tema da Galiza era inesgotábel” escribiu Ánxel Fole

Case vintecinco anos despois da súa morte en Madrid en 1988, a desmemoria teceuse sobre Ben-Cho-Shey, un home que tiña desenvolvido un intenso labor en defensa da nosa lingua e dos dereitos nacionais de Galiza tanto co seu traballo intelectual como de activismo cultural e político. Membro da Irrmandades da Fala, do Seminario de Estudos Galegos e do Partido Galeguista que chegou a presidir na súa agrupación local de Lugo, Ben-Cho-Shey sería recoñecido como grande mestre non só pola súa vinculación co maxisterio senón pola lección constante que transmitiu as novas xeracións -en especial na súa etapa en Madrid nos anos sesenta e setenta- dun ideario que puña Galiza no centro. “Nos seus labres o tema da Galiza era inesgotábel” deixou escrito o seu amigo Ánxel Fole e a lenda acae á imaxe que deixou en mozos e mozas ás que lle pasou a tarefa de tentar construír un futuro de seu para o país.

A organización da exposición enmárcase dentro do Ano Ben-Cho-Shey no que a Área de Cultura da Deputación de Lugo quere recuperar a memoria do galeguista, en especial, dos anos nos que residiu na cidade, en especial neste 2013 no que se fan 75 anos do seu desterro a Estremadura.

A lectura dramatizada do seu até agora inédito “Diario de Lugo” no que narra en páxinas dramáticas o terror da represión do golpe militar a cargo de Tareixa Campo e Paloma Lugilde xunto coa actuación musical de Mini e Mero abrirán a exposición no acto de inauguración.

Comentarios