mércores 20/01/21

Lugo programa 25 obras teatrais no primeiro semestre de 2021

Terán lugar entre o 10 de xaneiro e o 16 de maio
Maite Ferreiro na presentación da programación fronte ao auditorio Gustavo Freire. (Foto: Concello de Lugo)
Maite Ferreiro na presentación da programación fronte ao auditorio Gustavo Freire. (Foto: Concello de Lugo)

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua de Lugo, Maite Ferreiro, presentou hoxe a programación teatral do primeiro semestre de 2021, que terá lugar no auditorio municipal Gustavo Freire. A edil explicou que con este traballo o concello mantén "a nosa aposta no sector cultural, un dos máis prexudicados coa crise sanitaria, mais do que viven centos de familias".

A escolma consiste en 25 representacións que terán lugar entre o 10 de xaneiro e o 16 de maio. Isto supón un aumento no número de obras a respecto de anos anteriores, segundo destacou a concelleira, para comezar ademais o ano "cunha oferta variada" que tocará distintos estilos e propostas, procurando adaptarse aos diferentes gustos da veciñanza da cidade.

A programación complementarase, aliás, con novas edicións da Mostra de Teatro Clásico, a Semana de Teatro Universitario ou do ciclo Lugo en Danza. A edil de Cultura declarou que "o conxunto de todas as actividades completan unha coidada selección que une calidade, entretemento, espazo de reflexión e distintas linguaxes para presentar ás veciñas e veciños unha mostra do mellor que deu este ano nas artes escénicas galegas e do resto do Estado”.

Ademais, hai na decisión unha vontade de reivindicar a "creación feminina, tendo, nunha parte importante da programación, propostas dirixidas, escritas, producidas e actuadas por mulleres".

Programación por meses

As representacións comezan este mesmo domingo, día 10, con Lambetadas, de Talía teatro. Continuarán a quinta feira 14 cun dos pratos fortes do pasado ano, a premiada Jauría, de Kamikaze Producciones. O domingo 17 será a quenda de Guerra de identidade, de DeuVe. Fecharán un xaneiro ateigado de espectáculos Feminissimas, de Ste Xeito Producións (día 21); A nena que quería navegar, de Redrum Teatro (día 24); Hoy puede ser mi gran noche, de Teatro en Vilo (día 28) e CRAKE, de Hilo Producciones (31).

Febreiro traerá á cidade amurallada O premio, de La Quintana Teatro (día 4); Cartoons, de Producións Excéntricas (día 7); a galardoada Liberto -María Casares a mellor actriz para Rocío González e Música Orixinal para Lucía Aldao-, de Rebordelos (día 11); Show de Barallocas, de Marionetas Trécola (día 21); Os Nenos da Variola, de Pérez&Fernández (día 25) e Nautilus, de La Negra (día 28).

Logo dun mes de marzo sen obras previstas, que se completará con outros ciclos, abril retoma a programación escénica o día 8 con O mel non caduca, de Ibuprofeno Teatro. A esta obra distópica seguirana o domingo 11 UMMM! Unha comedia gastronómica para chupar os dedos, de Teatro Avento -María Casares a espectáculo infantil-; Fillos do Sol, de Contraproducións (día 15); Italino Grand Hotel, de Cia La Tal (día 18); Karelu, de Náufragos Teatro (día 22); A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza, da Xanela do Maxín (día 25) e Illas desertas, de ArtesaCía.

O domingo 2 de maio chegará a Lugo Crusoe, de Markeliñe Teatro. A semana seguinte estarán en carteleira Anatomía dunha serea, de Iria Piñeiro (día 6) e Don Gaiferos, de Kukas (día 9), compañía recoñecida co Premio da Crítica da Galiza ás Artes escénicas o pasado ano. Completarán a oferta Rara Avis, de Lila Teatro (día 13); O meu mundo non é deste reino -mellor dirección e adaptación nos María Casares para María Peinado-, de Teatro da Ramboia (día 16).

comentarios