Bota a andar "Lugo é artesanía", unha proposta de turismo experiencial

Lugo é artesanía: unha viaxe polas comarcas máis creativas

O Centro de artesanía e deseño (Centrad) de Lugo botou a andar un ambicioso programa que xunta "xornadas viaxeiras" e "artesanía". Dous eixos sobre os que xira un plan que ten como finalidade a promoción da artesanía como recurso cultural e como actividade económica “sostíbel, pegada á terra e xeradora de oportunidades". 
Primeira Xornada Viaxeira, en Mondoñedo, co canteiro Fernando Vilariño Punteiradas Viladepedra [Vicepresidencia da Deputación de Lugo].
photo_camera Primeira Xornada Viaxeira, en Mondoñedo, co canteiro Fernando Vilariño Punteiradas Viladepedra [Vicepresidencia da Deputación de Lugo].

O Centro de artesanía e deseño (Centrad) proponse percorrer, a través do programa "Lugo é artesanía", unha vintena de concellos para dar a coñecer, a toda a poboación interesada, un mapa que conecta algunhas das zonas máis creativas do corazón da Galiza. Será dun modo diferente e proactivo, a través de visitas a obradoiros de artesanía, durante os meses de xullo, agosto e setembro. 

As visitas guiadas, que comezaron este domingo en Mondoñedo, coas prazas completas, presentan dous formatos: Xornadas Viaxeiras e Experimenta Artesanía. No primeiro as persoas asistentes poden coñecer, nun día, "diferentes obradoiros dentro de cada comarca para afondar na relación que cada oficio garda coas características físicas do territorio" mais co seu patrimonio cultural e etnográfico. Por outra banda, o programa do Experimenta Artesanía propón a todas as persoas curiosas experimentar coas técnicas e proxectos profesionais e vitais de cada artesán ou artesá. 

Trátase dunha “iniciativa pensada para que as persoas participantes coñezan os obradoiros como espazos de traballo e de creación de obxectos únicos, mais tamén para pór en valor", a través das creadoras e creadores, "os elementos culturais, patrimoniais e naturais de cada comarca”, indicou o deputado de Artesanía e Deseño Efrén Castro durante a presentación do programa.

Xornadas Viaxeiras 

“Estou entusiasmado con este proxecto", comenta a Nós Diario Guido Álvarez, guía nestas Xornadas Viaxeiras, "porque é novidoso para min e porque desde o Centrad levan un tempo pensando en sacar adiante esta iniciativa que agora toma forma”, engade Álvarez. “O mundo da artesanía sempre me interesou, mais até o momento só fixera cousas moi puntuais", di, así que desta volta é a oportunidade "de abrirme a toda a artesanía”.

Para este guía o encontro será o inicio "de algo moi fermoso e valioso, sobre todo neste momento de reactivación da cultura, do turismo e de todo o que nos une”.

O percorrido proposto deixa un mapa xeral moi completo. A idea, alén das visitas, é iniciar unha relación entre os artesáns e os guías para logo continuar de forma autónoma, a nivel particular, "entre nós, un coñecerse mutuamente para facer sinerxías xuntos", engade Álvarez.

As actividades programadas para as Xornadas Viaxeiras realizaranse en grupos reducidos, cun número de prazas estabelecido en función do espazo do que dispón cada obradoiro, segundo indican desde a organización.

Experimenta Artesanía

Un dos obradoiros que poderemos visitar no Experimenta Artesanía é o da artesá Idoia Cuesta, en Outeiro de Rei. Especializada en cestaría contemporánea, Cuesta, que foi Premio nacional de Artesanía, comparte para Nós Diario que se trata dunha iniciativa que viñan demandando desde hai moito tempo, de cara a que a xente teña esta relación co turismo experiencial, valorando gastronomía, arte, oficios... e vinculándoo ao territorio, "unha forma de coñecer o espazo e a contorna na que desenvolvemos o noso traballo", afirma Cuesta. 

"A idea é que a xente poida acceder a outro tipo de turismo: compartir con nós o espazo onde traballamos e o noso proceso creativo", indica. "No meu caso, faremos un paseo por esta contorna onde está situado o obradoiro porque estamos nunha zona marabillosa, en plena reserva da biosfera, ao carón do Miño", di. "Recolleremos especies vexetais e, con ese material, xa no taller, faremos unha pequena peza".

Próximas actividades de Lugo é artesanía

Ribeira Sacra e Sarria: Será o 17 de xullo. Coñece a olaría da Reitoral de Gundivós e do Obradoiro Fígulus, mais o taller do luthier Germán Arias.

Outeiro de Rei e Xermade: O 21 de agosto viaxa até terras chairegas para gozar a artesanía de Idoia Cuesta e Xaneco, e o torneiro Vicente Ledo na Fraga.

Lugo: Do 11 ao 12 de setembro coñece, entre outros, o obradoiro de cerámica, gravado e cartón pedra de Augatinta.

A Mariña: O 18 de setembro visitarán o artista Caxigueiro, en Foz, ou o carpinteiro de ribeira, Francisco Fra, en San Cibrao.

A programación do Experimenta artesanía arrancou con Vinum et lútum, na Reitoral de Gundivós, en Sober. A este séguelle Arte e cerámica, o 18 de xullo, na Regal Xunqueira, Viveiro; Olaría tradicional da Ribeira Sacra, 1 de agosto, en Fígulus, Proendos, Sober; Máis que barro, 8 de agosto, no Ceniza de Papel, Lugo; O torneado: un oficio secular, 22 de agosto en Aldea artesá da Fraga, Xermade; O mundo dos barcos de madeira, 29 de agosto Estaleiros Fra, San Cibrao; Ao redor da máscara romana, 5 de setembro, obradoiro Marga Portomeñe, Lugo; e Tecendo a natureza, 19 setembro, no taller de Idoia Cuesta, en Outeiro de Rei.

Comentarios