Lugo amosa a forza da súa arte urbana na III edición de 'Pasearte'

Guido Álvarez repite experiencia coas rutas pola arte urbana de Lugo coa proposta municipal de 'Pasearte'. Este guía interesouse por esta expresión artística de moi novo e comezou a realizar percorridos en 2019.
Guido Álvarez, á esquerda coa acreditación, acompañando a un grupo pola arte urbana de Lugo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Guido Álvarez, á esquerda coa acreditación, acompañando a un grupo pola arte urbana de Lugo. (Foto: Nós Diario)

Lugo repite a experiencia de organizar paseos pola cidade para coñecer de primeira man a arte urbana que decora os seus muros. A iniciativa, denominada Pasearte, está organizada pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da lingua do Concello, e vai dirixida ao público en xeral.

Comezará o 2 de xuño e rematará o 30 de setembro en horario de 17 a 19 horas. O guía profesional Guido Álvarez, a persoa encargada de levalos a cabo, explica a Nós Diario que esta actividade parte da que iniciou en 2019, comáis de medio cento de percorridos, e que entrou a formar parte da programación municipal o verán pasado.

“O meu interese polo graffiti e a cultura urbana vén da época do colexio cando coñecín, como adolescente, aos primeiros artistas da cidade”, sinala. A visita en 2013 ao Alternative Berlin Tour en Alemaña mostroulle o camiño e a partir de 2015 comezou a integrar estas expresións artísticas  nalgunhas das rutas que realizaba.

Cando se decidiu por crear o seu propio proxecto ideou percorridos específicos máis traballados e foi cando coñeceu ao artista Diego AS, que se amosou aberto á idea. “Explicoume que tanto el como os compañeiros do seu grupo estarían a favor de que se divulgase o seu traballo”, relata. . 

Lugo, unha potencia en arte urbana

Na actualidade conseguiu reunir información como para crear rutas por autores e por barrios. “Temos máis de 20 artistas en activo, algo impresionante para unha cidade de 100.000 habitantes”, asegura. 

Quen se achegue ao Pasearte, previa inscrición na Oficina Municipal de Turismo, poderá, por un lado, coñecer a obra das xeracións pioneiras do Concepto Circo, como Yoe33, Marcos Pereira ou Pablo Lage. Por outro, ver de perto os murais máis actuais na cidade de Diego As,  Iago EireosNoemí Núñez, Abes, Rubén Paz, Pía Piadosa, Primo de Banksy, Nesui, Mosca, Kutxyllo, Tirso Paz ou Leandro Barea.

Comentarios