Escritora na súa Terra

Lugo acollerá a homenaxe da AELG a María Pilar García Negro o 10 de xuño

As socias e socios da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) decidiron de maneira unánime homenaxear a escritora e profesora da UDC María Pilar García Negro co premio Escritora na súa Terra. Lugo, terra en que naceu e se criou, acollerá a homenaxe o 10 de xuño.

pilar 2
photo_camera María Pilar García Negro

Unha das tradicionais citas da AELG, o acto da Escritora ou Escritor na súa Terra, terá lugar o 10 de xuño en Lugo, lugar onde naceu e se criou María Pilar García Negro, escritora e profesora da UDC á que a asemblea de socias e socios acordou, de maneira unánime, homenaxear na edición de 2017.

A xornada encetará ás 11.30h na Praza de Ferrol, onde se descubrirá un monólito conmemorativo e onde terá lugar a plantación do magnolio, árbore simbólica elixida pola escritora. Intervirán Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, Lara Méndez, alcaldesa de Lugo e a propia homenaxeada, María Pilar García Negro.

Unha hora após, ás 12.30h, no Salón de Plenos do Concello de Lugo, será a quenda da entrega da “Letra E” –peza da artista Mónica Alonso- á homenaxeada, na que tomarán a palabra a rexedora de Lugo; o presidente da AELG e a secretaria xeral da AELG, Mercedes Queixas. O momento máis especial chegará coa laudatio, a cargo de Carme Fernández Pérez-Sanjulián, e coa resposta á laudatio por parte de María Pilar García Negro.

Ás 14.30h terá lugar o xantar de confraternidade no restaurante Torre de Núñez, un xantar aberto ás socias e socios da AELG e a todas as persoas que desexen asistir. Máis información ao respeito no 981133233 ou no correo [email protected].

Unha tradición de dúas décadas

A entrega da “Letra E” á escritora ou escritor elixido representa xa unha tradición na AELG e constituíse como unha celebración, con máis de dúas décadas de vida, en que a terra de orixe da persoa homenaxeada cobra un protagonismo especial.

Desde a súa implantación, en 1995, foron homenaxeadas e homenaxeados: Antón Avilés de Taramancos; Bernardino Graña; Manuel María; María Xosé Queizán; Xosé Neira Vilas; Uxío Novoneyra (póstumo); Luz Pozo Garza; Xosé Chao Rego; Xosé Fernández Ferreiro; Salvador García-Bodaño; Pura e Dora Vázquez; María do Carme Kruckenberg; Manuel Lourenzo; Xosé Vázquez Pintor; Agustín Fernández Paz; Marilar Aleixandre; Paco Martín; Xavier Rodríguez Baixeras; Marica Campo; Xabier P. Docampo; Xosé María Álvarez Cáccamo e Helena Villar Janeiro.

Comentarios