Lueiro Rey, un escritor entre dous premios

Fallado recentemento o premio de novela curta no Grove, en Fornelos de Montes queda menos dun mes para rematar o prazo de presentación de orixinais no que será a primeira edición do premio de poesía Manuel Lueiro Rey. Os dous concellos irmándanse para conmemoraren o escritor con dous certames literarios que levan o seu nome.

Lueiro Rey
photo_camera Lueiro Rey

O día 31 de decembro rematará o prazo para optar ao I Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey convocado pola Asociación de Veciños o Cruceiro da Laxe e máis o concello de Fornelos de Montes, de onde era orixinario o escritor que morreu no Grove, concello que mantén desde hai dezanove edicións o premio de novela curta, un dos máis consolidados do noso panorama literario.

O premio de Fornelos de Montes está dotado con 2.500 euros e as bases están ao dispor na páxina web do concello. Neste mesmo ano tivo lugar a primeira homenaxe da súa veciñanza ao autor nado neste concello do interior de Pontevedra e xa naquela altura se anunciou a convocatoria do premio, un concurso literario centrado no xénero poético que ten como galardón, alén dos cartos, a publicación da obra na editorial Sotelo Blanco, a mesma que se fai cargo de sacar do prelo a gañadora do premio de novela curta.

No último fin de semana de novembro, abríase a plica que daría a coñecer o gañador da XIX edición do premio de novela curta Lueiro Rey que, desta volta, recaeu na obra Fin de poema, de Juán Tallón (Vilardevós, 1975). De maneira unánime, un xurado do que formaban parte Manuel Quintáns, Ánxela Gracián, Mario Regueira -gañador da anterior edición- e os críticos Francisco Martínez e Armando Requeixo, escolleron a obra de Tallón para lle outorgar os 3.000 euros dun premio que ten compromiso de publicación na editorial Sotelo Blanco.

Vicente Risco, cara ao terceiro

Tamén publicado por Sotelo Blanco sairá a obra gañadora do Premio Vicente Risco de Creación Literaria que recaeu na obra Todos os días,  do escritor Alberto Ramos. Prevese que antes de fin de ano saia tamén a convocatoria do Premio de Ciencias Sociais Vicente Risco, que até o momento estivo promovido pola Fundación Vicente Risco e o concello de Castrocaldelas, ademais da propia Editorial Sotelo Blanco. A fundación que leva o nome do escritor vén de anunciar un novo premio que presentará en breve, trátase do certame de xornalismo literario que fará de Vicente Risco o autor da nosa literatura que goza de máis premios que levan o seu nome.

Comentarios