Música

Lucus Ensemble porá banda sonora ás rúas e prazas

Entre o tradicional e o sinfónico, o grupo lucense inicia unha pequena xira que, co patrocinio da Deputación, os levará a ateigar cos seus acordes espazos abertos de Lugo, A Fonsagrada, Ribadeo, A Pastoriza e Chantada.
O Lucus Ensemble ofrecerá concertos en Lugo, A Fonsagrada, Ribadeo, A Pastoriza e Chantada.
photo_camera O Lucus Ensemble ofrecerá concertos en Lugo, A Fonsagrada, Ribadeo, A Pastoriza e Chantada.

A área de Cultura da Deputación de Lugo promove o ciclo de concertos Tradición. En Clave Delas, con actuacións en Lugo, A Fonsagrada, Ribadeo, A Pastoriza e Chantada. O grupo de cámara Lucus Ensemble interpretará un repertorio que liga a música tradicional galega coa instrumentación sinfónica.

Con dez músicos e dúas voces, a banda interpretará unha escolma propia para ofrecer un espectáculo "entretido, pensado para ser tocado en exteriores e dar vida ás rúas e ás prazas", segundo explicou o seu coordinador, Santiago Noriega.

A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, amosou a súa satisfacción por "sacar adiante un proxecto que tiñamos entre mans desde o primeiro trimestre do ano e que tivo que ser adiado e modificado polo impacto da Covid-19".

"Desde o inicio da crise sanitaria, apostamos en manter o pulso da actividade cultural", apuntou,  ideando "fórmulas alternativas, adaptadas ás circunstancias, e esta programación é un paso máis nese camiño". Ferreiro remarcou que "os concertos se levarán a cabo cumprindo cos protocolos estabelecidos polas autoridades sanitarias para previr os contaxios da Covid-19".

Calendario de concertos

A praza de San Marcos de Lugo acollerá a sexta feira 4 de setembro o primeiro concerto desta xira, a partir das 19.30 horas. Na Fonsagrada, a cita será o sábado 5 de setembro, ás 19 horas, na praza do Concello. En Ribadeo, a actuación transcorrerá o 13 de setembro no parque de San Francisco, ás 13 horas. O 26 de setembro, Lucus Ensemble actuará na praza do Concello da Pastoriza, ás 18 horas. A xira fecha o 17 de outubro en Chantada, no marco do Festival de Bandas de Música.

Comentarios