Luciferio, homenaxe á poeta Luz Fandiño

Este serán terá lugar unha homenaxe á poeta compostelá Luz Fandiño. O evento será na emblemática cafetaría cultural Airas Nunes Café, ás 20 horas.

Luz Fandiño (Foto: Araxiel Doyel e Anita Nuñez Torrón Stock)
photo_camera Luz Fandiño (Foto: Araxiel Doyel e Anita Nuñez Torrón Stock)

A poeta Luz Fandiño (Compostela, 1931) recibirá esta tarde unha homenaxe pola súa traxectoria cultural, poética e social. Un acto que contará coa participación de diversas poetas, amigos e amigas da homenaxeada, para xuntas recitar poemas que están presentes no longo de toda a obra de Luz Fandiño. No cartel do evento aparecen Iolanda Aldrei, Diego Horschovski, Alexandre Brea, Zeltia Irevire, Andrea Valle Alonso, Peter Brea, Ángel Marcelo, Petri Daza e Laura Lamontagne.

Luz Fandiño, Luciferio.

Escritora, poeta e activista galega, Luz Fandiño naceu no barrio compostelán de Sar en 1931. Emigrante, en 1952 desembarca en Arxentina e en 1963 en Francia, retorna a Galiza só en 1979, lugar onde reside até a actualidade. Ademais de participar en volumes colectivos como Xuro que nunca volverei pasar fame. Poesía escarlata (2003), entre as súas obras atópanse os libros de poemas Farangulliña de neve (1998) ou O pracer de envellecer (2014).

Luz Fandiño é unha persoa habitual dos micros abertos de Compostela, de carácter plural e diverso, algúns dos cales xurdiron no ano 2014 a partir da iniciativa Poesía e Microrrelato Compostela, levada a cabo por o dinamizador cultural Diego Horschovski. Foi galardoada en 2018 co Mestres da Memoria, distinción outorgada pola sección de literatura de tradición oral da AELG, coa que se recoñece o labor de “informantes de literatura popular”.

Comentarios