Lucía Guldrís é artista

Lucía Guldrís: "Son unha romántica das técnicas e ferramentas analóxicas, gústame que todo estea feito á man"

Lucía Guldrís, que escolleu o nome de Lucía GQ como alcume artístico, dedícase á elaboración de colaxes manuais e analóxicas. A ourensá, vencellada desde moi nova á arte e á cultura, chegou ao mundo da colaxe e das composicións a través da fotografía analóxica, técnica que tamén domina. De modo autodidacta e asistindo a diferentes obradoiros, Lucía GQ foi construíndo un estilo propio para a confección de composicións, nas que emprega unicamente elementos reciclados e fotografías de revistas antigas.
Lucía GQ publica no seu Instagram os colaxes que vai confeccionando. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Lucía GQ publica no seu Instagram os colaxes que vai confeccionando. (Foto: Nós Diario)

Cando comezou a interesarse no mundo da colaxe?

Foi parte dun proceso de evolución creativa. Desde hai anos eu fago fotografía analóxica, gústame moito esa técnica. A raíz de estar traballando con este tipo de fotos e co autorrevelado, comecei a descubrir a colaxe. Penso que foi hai catro anos cando me iniciei en cursos e obradoiros para aprender. En todo momento foi unha paixón autodidacta. Lendo libros, observando o traballo doutras persoas... unha vez adquirín todo ese coñecemento, vinme coa capacidade como para comezar a elaborar eu as miñas propias colaxes.

Como se elaboran as colaxes?

Todas as composicións son manuais. Non emprego ningunha técnica que teña que ver co mundo dixital en todo o proceso. Son unha romántica das técnicas e as ferramentas analóxicas. Gústame que todo estea feito á man. Obteño todas as imaxes que emprego de diferentes revistas antigas que gardo na casa, e os papeis e outros materiais que emprego xorden da reciclaxe. Adoito dedicar entre dous e tres días a elaborar cada colaxe, porque cada etapa do proceso, e en especial as que teñen que ver co deseño inicial da composición, ocúpanme bastante.

Transmite algunha mensaxe coas súas composicións ou teñen unicamente unha finalidade estética?

Quitando algunha composición que trata sobre un tema en concreto, penso que as miñas colaxes nacen da improvisación. Depende moito de como me sinta, de como teña o día, das cousas que atopo... non sigo un criterio, aínda que si que emprego bastante a figura feminina, porque me gusta moito a estética que se lle daba nas revistas de 1930 a 1970. Intento non seguir un patrón, senón que me diversifico en moitos eidos. Parto sempre da imaxe para construír despois a idea. Cando atopo unha imaxe que me chama a atención ou me transmite algo especial, comezo con todo o proceso de elaboración da colaxe. Cores, formas, materiais... todo iso vén despois.

Como é a acollida das súas composicións entre a xente?

Penso que gostan bastante. O feito de que sexan orixinais dálles un encanto especial, xa que son colaxes que só vas ter ti. Non vai haber copias por aí, polo que son composicións únicas. Para a xente, é algo moi importante e destacábel posuír unha obra que non van compartir con ninguén. Eu emprego o meu perfil de Instagram e a miña páxina web para ensinar todo o proceso creativo que desenvolvo para confeccionar cada colaxe, as colaxes que seguen dispoñíbeis... A partir de aí a xente contacta comigo e escolle a que mais lle guste.

Cando comezou a confeccionar as primeiras colaxes, tiña en mente compartilas na rede ou tratábase dunha actividade que facía para si mesma?

Nun principio era algo meu, totalmente persoal. Unha actividade que realmente me gustaba facer, pero que nunca chegaba a compartir. Hai un par de anos comecei a reflexionar sobre o tema, e como vía que o mundo da colaxe me gustaba cada vez máis e non paraba de elaborar diferentes composicións, tomei a decisión de facelo público. Ademais, vía que tiña un estilo máis ou menos único, e iso tamén me animou a compartilo e a mostrarlle á xente o meu traballo. Ao comezo foi un proceso difícil. Sempre existen as dúbidas sobre cal será a resposta da xente, pero como vin axiña que á xente lle gustaban as miñas composicións, e fun relacionándome con outras moitas artistas desta e doutras disciplinas, fóronme animando até o día de hoxe, no que xa podo dicir que non me supón ningún problema compartir nas redes as composicións que deseño e elaboro.

Comentarios