Homenaxe anual a Manuel María na Coruña

Lúas de Outono celebra medio século da Nova Canción Galega

O un de decembro de 1968, no Teatro Capitol de Compostela, o poeta Manuel María presentou un monllo de cantautores militantes: Benedicto, Xavier, Guillermo Rojo, Xerardo Moscoso, Vicente Araguas e Miro Casabella. Aquel concerto antifranquista quedou para a historia como o do nacemento da Nova Canción Galega. A homenaxe anual a Manuel María Lúas de Outono conmemórao o vindeiro 25 de setembro no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.
manuel maría
photo_camera O poeta Manuel María (na fileira de arriba, no centro) con membros de Voces Ceibes, núcleo da Nova Cación Galega. Foto: cedida.

cartaz voces ceibes

Porque o papel de Manuel María (Outeiro de Rei, 1929-A Coruña, 2004) naquel movemento de canto de intervención non foi unicamente de introdutor. Ademais de autor dalgúns dos poemas musicados por aquela xeración de mozos, foi chave para que o selo Edigsa-Xistral se decidise a gravar e difundir esta música en lingua galega, que rachaba co folclorismo franquista.

Así, Lúas de Outono, que se celebra na Coruña desde hai 11 anos e organiza a Casa-Museo Manuel María da vila natal do poeta coa colaboración de concello e Deputación da Coruña, reunirá o 25 de setembro a partir das oito e media do serán tres voces “mostra de xeracións musicais diferentes e tamén de diversos estilos”.

Miro Casabella será a ligazón directa coa Nova Canción, “parte fundamental da cultura galega” e unha das “figuras provilexiadas na difusión da poesía” do país. Uxía, acompañada por Santi Cribeiro á percusión e Sérgio Tannus á guitarra, conforma a segunda actuación. Finalmente Molime completa o cartaz dunha velada conducida polo músico e escritor Xurxo Souto.

A entrada ao espectáculo será de balde até completar aforo.

Nota: reprodución do cartaz do concerto fundacional da Nova Canción Galega, obra de Reimundo Patiño.

Comentarios