Lúas de homenaxe para o “cantor dunha nación lúcida”

A Coruña lembra o xoves día 13 de setembro o poeta Manuel María. A Fundación que leva o seu nome organiza o acto baixo o título Lúas de Outono 2012 e nel presentará 'Os lonxes do Solpor', un libro de poemas inéditos , e o disco 'Andando a Terra', en que Uxía canta ao poeta chairego


“Poeta de outonos da terra, muiñeiro de brétemas, cantor dunha nación lúcida”. Con estas palabras Miguel Anxo Fernán Vello define a Manuel María no prólogo do libro Os lonxes do solpor, un feixe de poemas inéditos do escritor chairego que serán publicados oito anos despois do seu pasamento. A Fundación de estudos galegos Manuel María encárgase da edición desta obra en que se recollen un total de 33 composicións. “Trátase dos últimos textos inéditos que quedan”, afirma o director da fundación , Alberte Ansede, quen subliña a “calidade literaria” dun libro que o propio autor quixo publicar en vida.

Os lonxes do solpor, obra poética que fura con vontade unitaria no tremor puro da palabra e na comuñón coa terra, será unha das tres pezas chave en que se sustentará a grande homenaxe que, o próximo xoves na Coruña, lembrará o poeta Manuel María. Baixo o título Lúas de Outono, o tributo centrarase, ademais de na presentación do libro, na estrea do disco Andando a Terra. Uxía canta a Manuel María e da peza audiovisual Danza do poema emocionado, da produtora Pixel Films. As tres obras fusionaranse no Teatro Colón para lembrar a un autor que, en palabras de Fernán Vello, erixiuse como un poeta “de patria incesante”.

Deste xeito, as Lúas de Outono volverán brillar un ano máis na Coruña para lembraren a Manuel María, mais neste ocasión este tradicional tributo ao poeta chairego mudará de escenario e data. Habitualmente o Teatro Rosalía abría as súas portas para lembrar o escritor o 7 de setembro, véspera do aniversario do seu falecemento. Con todo, este ano a cita desprazarase e será no Colón o xoves 13 de setembro ás 20.30. “Aínda que pedimos o Rosalía xa en setembro do ano pasado, o concello finalmente dixo que non, que para ese tipo de actos usan outro auditorio, mais non é céntrico nin acaído”, admite Ansede. Pese a estes cambios, a homenaxe mantén a súa esencia e o acceso volverá ser gratuíto, até completar as localidades.

Cancións para un poeta

Alén dese cambio, Lúas de Outono servirá unha vez máis para fornecer a relevancia dun dos grandes poetas das nosas letras. Para cumprir ese obxectivo, ademais de dar a coñecer o xa citado libro, presentarase en directo o novo disco de Uxía, un álbum monográfico en que a cantora ponlle voz e música a un total de doce poemas de Manuel María. “Este álbum é un auténtico reto, xa que é un poeta moi musicado e ademais todos estamos en débeda con el, pola súa poesía e a súa actividade cívica”, explica Uxía, quen contou coa estreita colaboración do músico Sergio Tannus para o proxecto.

Uxía escolleu o repertorio tendo a Manuel María como única inspiración. “Buscamos reflectir as diferentes dimensións da súa figura”, explica a cantora. Con ese obxectivo, no repertorio final entraron poemas biográficos como 'Quero ser un río' ou 'A casa', outros reivindicativos como 'A fala' e mesmo algún infantíl como 'O gato'. Por suposto, no disco tamén entran grandes clásicos como 'O carro', que neste álbum conserva a coñecida musicalización que lle deu Mero.

O terceiro piar da homenaxe será a Danza do poema emocionado, unha peza audiovisual realizada por Pixel Films. “É un vídeopoema que está destinado ás crianzas. Nel tradúcense varias poesías en imaxes e lévanse os seus versos ao terreo da danza e da aprendizaxe”, explica Jairo Iglesias, director desta fita guionizada por Anxa G. Refoxo e Mikel Fuentes. A produtora Pixel foi, precisamente, a responsábel do vídeo De amor e cantería, en que traducen en imaxes e son os 'Sonetos á Casa de Hortas', de Manuel María e que mereceu o premio Mestre Mateo á mellor produción experimental do ano 2011. Tanto a peza audiovisual premiada, como o disco e o libro Os lonxes do solpor poderanse adquirir no Colón como unha gran lembranza da homenaxe a Manuel María.

Comentarios