Luar na Lubre musica a épica da cultura celta en “Torre de Breogán”

“Torre de Breogán” nace como banda sonora da épica do mundo celta xuntando a Luar na Lubre e a Orquestra Sinfónica nun novo espectáculo que se completará cunha versión CD e un filme dirixido por Jorge Coira, un completo proxecto sobre as “invasións” galegas en Irlanda. 

Cartaz de Torre de Hércules
photo_camera Cartaz de Torre de Hércules

Bota a andar como un espectáculo musical no que a imaxe ten unha especial relevancia. Luar na Lubre e a Orquestra Sinfónica poñen música ás invasións galegas en Irlanda no proxecto “Torre de Breogán”, un espectáculo que se estreará no Palacio da Ópera da Coruña os días 21 e 22 de xuño, antes de iniciar unha xira polo Estado Español e Europa. O proxecto inclúe tamén a produción dun CD e un filme que dirixirá Jorge Coira. 

O espectáculo recrea a historia épica do mundo celta no que A Coruña, Galiza e Irlanda son especiais protagonistas a través da lenda dos Milesians, unha historia á que Luar na Lubre, xunto coa Orquestra Sinfónica, poñen agora banda sonora. Nani García foi o encargado dos arranxos e a dirección musical correspóndelle a Diego García. Nunha proposta na que a imaxe, os efectos visuais a iluminación teñen unha especial relevancia, a Franc Aleu (que ten traballado con La Fura Dels Baus) encargóuselle a escenografía e o deseño a Estefanía Cagigao. 

Coa historia do "Libro das Invasións"

Baseado no Leabhar Ghabhala Eirean (Libro das Invasións), o documento que recolle a tradición oral irlandesa e que transcribiron monxes cristiáns do século XI, o espectáculo recría a invasión dos Milesios que chegaron á illa desde Brigantia, despois da viaxe de encontro de Ith, o fillo de Breoghán. A primeira visión que Ith tivera fora desde o cumio da Thor Breoghán, a torre que leva o nome de seu pai.

Desta viaxe mítica nace “Torre de Breogán”, un espectáculo polo que transitarán druídas, feitizos ou guerreiros na que a música evoca o son da épica do mundo celta. 

Comentarios