MÚSICA

Luar na Lubre rescata os sons do Xacobeo

Luar na Lubre celebran neste 2020 o seu 34 aniversario, e fano publicando un novo álbum que leva por títuloVieiras e Vieiros. Historias de Peregrinos, o 19 na traxectoria do grupo fundado por Bieito Romero en 1986.

fotoLNL3
photo_camera Bieito Romero -primeiro pola dereita- xunto co resto das integrantes de Luar na Lubre (Foto: Nós Diario)

Vivimos na era do "usar e tirar" e do consumo desaforado, marcos de actuación dunha sociedade dos que, como non podía ser doutro modo, a música non escapa. A americana Ariana Grande, un dos principais fenómenos de vendas na actualidae, representábao á perfección no seu éxito 7 Rings co seu I Want It I Got It (quéroo, téñoo), unha oda hedonista ao "aquí e agora" e "canto antes, mellor".

Poucas son as cantantes, e menos aínda as bandas, que non acaban devoradas por esa imperiosa necesidade de novidades e inmediatez que esixen tanto as fans como a propia industria. Unha delas é Luar na Lubre, que contra vento e marea celebran neste 2020 o seu 34 aniversario, e fano publicando un novo álbum, o 19 na traxectoria do grupo fundado por Bieito Romero en 1986.

O volume leva por título Vieiras e Vieiros. Historias de Peregrinos, e, como sinala o propio Romero para Nós Diario, "ten temática do Camiño de Santiago, aínda que máis que adicado á propia ruta, estao á xente que conformou ese camiño, que son os e as peregrinas, e ás propias historias que foron traendo ao longo dos séculos".

Cuestionado sobre as motivacións da banda para seguir unida e producindo novos contidos logo de tantos anos, o creador de Luar na Lubre responde recoñecendo que "o cómodo sería facer o mesmo de sempre", mais ese "non é o estilo de Luar na Lubre".

"A nós gústanos experimentar e investigar, dotar de intensidade os nosos proxectos, facer cousas novas... é o que nos mantén en actividade e vivos, por iso somos quen de sacar discos cada dous anos. Está claro que é un traballo grande e importante, mais gústanos facelo, e a xente agradece que mostres cousas novas e que non vivas só de rendas ou instalado na comodidade, e mentres nos sintamos ben, con forzas e con recursos, continuaremos nesta liña, que é a que nos motiva", engade.

Mitos e lendas da Ruta Xacobea

As historias que retrata en clave de son Luar na Lubre en Vieiras e Vieiros. Historias de Peregrinos poden ser "reais ou ficcionadas", pero todas teñen "un gran traballo de investigación" detrás, explica Bieito Romero.

"Entre outras, facemos mención ao Códice Calixtino; á sombra do peregrino agochado na praza da Quintana; e incluso a temas máis actuais, porque a peregrinación continúa hoxe en día, é algo vivo, e esa vida débese en parte a don Elías Valiño, o cura do Cebreiro que foi o principal recuperador desas frechas amarelas que hai ao longo de todos os camiños para chegar a Compostela", apostila.

Bieito Romero fai fincapé nese concepto de "camiños", en plural, xa que segundo el, complicou o proceso de desenvolvemento do disco: "Nós queremos dar a coñecer todas estas lendas e historias, que están aí pero non son moi coñecidas, mais cada vez é máis difícil porque hoxe xa non sei cantos camiños, máis de 200 debe haber (ri)".

Entre esas "lendas e historias que non son moi coñecidas", o fundador de Luar na Lubre destaca a incluída no primeiro tema gravado para o álbum sobre o vakner, "unha besta, lobishome ou dragón, que se lle apareceu a un peregrino chamado Martinus entre Santiago e Fisterra".   

Mais para escoitar estas e outras historias do Camiño de Santiago aínda haberá que agardar até o vindeiro mes de marzo, data estimada de saída do álbum, que irá acompañado dunha xira de concertos que promete estenderse até ben entrado o Ano Xacobeo 2021.

Comentarios