Falece o violinista Eduardo Coma, membro de Luar na Lubre durante 15 anos

O músico de orixe cubana levaba dúas semanas na UCI por mor dunha parada cardiorrespiratoria.
O violinista cubano Eduardo Coma. (Foto: Luar na Lubre)
photo_camera O violinista cubano Eduardo Coma. (Foto: Luar na Lubre)

O violinista Eduardo Coma, nado en Cuba en 1967, finou esta cuarta feira na Coruña após dúas semanas hospitalizado na UCI por mor dunha parada cardiorrespiratoria. "A música sofre unha gran perda", lamentaron desde o Concello de Carballo, onde exercía como profesor no conservatorio.

O Goberno local decidiu dedicar este ano a Coma o seu 'Novembro con Música', un programa cunha ampla programación cultural e musical que chegará a diferentes puntos da localidade ao longo deste mes e que, casualmente, fora presentado apenas unhas horas antes de se coñecer o seu falecemento.

"Compartimos con vós a triste nova do pasamento de Eduardo Coma, extraordinario violinista ao que tiñamos a sorte de ter como profesor do Conservatorio de Música. Desde aquí queremos enviar unha forte aperta a familiares, amizades e alumnado. Que a música te acompañe sempre", salientaron desde o consistorio.

Tamén se sumaron ás lembranzas ao músico outras agrupacións locais como o Concello de Cambre: "Esta é unha semana triste para o sector da música. Onte [pola cuarta feira] recibimos a triste nova do falecemento do violinista Eduardo Coma, que compartiu a súa arte connosco en varias ocasións. A última vez, este verán coa actuación de Eduardo Coma String Trío. Que a terra che sexa leve".

E o mesmo fixo o Concello de Oleiros, que asegurou esta quinta feira que "lamenta profundamente o pasamento do veciño Eduardo Coma, violinista que formou parte de grupos como Luar na Lubre e o Quinteto Cimarrón e actuou con grandes artistas como o seu compatriota Paquito D´Rivera".

Eduardo Coma fora, tal e como apuntou o consistorio de Oleiros, membro do mítico Luar na Lubre durante máis de 15 anos, motivo polo cal a agrupación trasladou publicamente a súa "fonda tristura e pesar" polo pasamento do violinista.

"Sempre tivemos a esperanza de que saíras desta e te recuperaras axiña. Non puido ser e quedamos desolados coa triste nova de hoxe. Compartimos moitas vivencias, concertos e momentos marabillosos que quedarán gravados na nosa memoria. Que inxusto e doloroso!", sinalaron desde Luar na Lubre nas súas redes sociais.

comentarios