Luar na Lubre lanza 'Benvido', o primeiro sinxelo do seu novo disco

O lanzamento supón un adianto dun álbum no que a agrupación explora os escritos, as sonoridades e as pegadas que os viaxeiros deixaron ao seu paso polos múltiples sendeiros que conforman o Camiño de Santiago.
Luar Na Lubre
photo_camera Imaxe promocional de Luar na Lubre (Foto: Nós Diario).

Os  dous primeiros cortes do novo disco de Luar Na Lubre, Vieiras e vieiros. Historias de peregrinos, xa están na rúa. O grupo vén de publicar este venres, 27 de marzo, Benvido e Mártiros e o vákner nas plataformas iTunes, Spotify, Amazon, Deezer e Tidal. O lanzamento supón  un  adianto dun álbum no que a agrupación  explora os escritos, as sonoridades e as pegadas que os viaxeiros deixaron ao seu paso polos múltiples sendeiros que conforman o Camiño de Santiago.

Benvido abre o novo disco de Luar Na Lubre coa  colaboración do  cantante Miguel Ríos, quen pon voz a un  tema que pretende dar a benvida a todas as persoas que percorren o itinerario xacobeo, a través dos seus diversos vieiros, no momento de chegar a Galiza. “Benvido é un canto de acollida,  unha carta  de presentación do  que é esta terra, do que é Galiza“, sinala  Bieito Romero, fundador de Luar Na Lubre.

“Desde  o   medievo  até  a   actualidade,  milleiros  de  persoas  percorreron un   camiño  de peregrinación impulsados por motivacións relixiosas, culturais e artísticas, inquedanzas viaxeiras ou  mesmo de negocios. A procura da  tumba do  Apóstolo e a meta da Compostela, ou a experiencia persoal da realización deste itinerario por  mar  ou  terra, seguindo a antiga vía das estrelas, teñen en  común a chegada a unha terra única, dotada dun patrimonio material e inmaterial rico e diverso, aberta a recibir e acoller a influencia de quen veña”, expón Romero.

Benvido, que tamén conta coa colaboración de Nani García nos teclados, é  a  carta de presentación dun disco no que Luar Na Lubre “leva moitos anos traballando e no que o relato se tece singularmente, de xeito natural, a través das historias humanas que percorren a ruta xacobea ao longo de diferentes épocas e contextos”, explica Bieito Romero. Un traballo no que Luar Na Lubre “quere pór en valor as historias que recompilamos a través de diferentes vías pero que, todas elas,  conforman o imaxinario popular do  Camiño”, apunta o músico.

Comentarios