Lúa Mosquetera é gañadora do Poetry Slam Compostela

Lúa Mosquetera: "Os meus poemarios son unha sorte de ataque contra a sociedade heteropatriarcal en xeral"

A poeta Lúa Mosquetera vén de gañar a III tempada do Poetry Slam Compostela. Na final, que decorreu no escenario do Teatro Principal da capital da Galiza, conseguiu quedar por diante dos outros catro contrincantes, aínda que para ela o Slam está más relacionado coa amizade que coa competitividade. A poesía de Lúa Mosquetera está vencellada profundamente co feminismo e a sororidade, e cre que un cambio efectivo na sociedade para que se apoie o movemento pasa por educar en feminismo de maneira amábel e profunda.
Lúa Mosquetera conseguiu a vitoria no escenario do Teatro Principal de Santiago. (Foto: Nós Diario) #poetryslamcompostela #lúamosquetera #poeta
photo_camera Lúa Mosquetera conseguiu a vitoria no escenario do Teatro Principal de Santiago. (Foto: Rachel Martínez Pillado)

-Agora que xa pasaron uns días, que recorda da final do Slam ?

A verdade é que non pensaba que fose gañar. O resultado foi bastante rifado. Desde a quinta posición até a miña só había unha diferenza de cinco puntos. Nun primeiro momento a primeira e a segunda posición quedaron empatadas, e no desempate acabei gañando unicamente por dous puntos. Síntome moi afortunada, porque o nivel desta final era realmente alto. Os cinco finalistas que participamos viñamos de gañar as nosas respectivas eliminatorias, nas que participaban dez poetas, polo que ao final éramos cinco de cincuenta. O que pasa é que coa pandemia, gañei a miña eliminatoria hai dous anos, cando normalmente todas as eliminatorias e a final teñen lugar ao longo do curso. A verdade é que foi moi divertido e moi emocionante.

-Cando comezou a interesarse polo mundo da poesía?

Sempre me interesou moito a literatura da Galiza, porque eu son filóloga galega. Teño que recoñecer que a poesía como xénero non me interesara nunca. Sempre me gustou máis a narrativa, pero a poesía, quizais polas reticencias que en xeral ten a sociedade por considerala un xénero aburrido, non me chamaba a atención. De feito, comecei a escribir poemas hai só catro anos. Intentei enfocala desde unha perspectiva máis urbana, social e combativa. Cando descubrín os eventos do estilo do Slam, vin que ese era o meu lugar dentro do mundo da poesía.

-Cales son os temas que se poden atopar nas súas composicións?

Os meus poemas son de temática feminista fundamentalmente. De feito, é unha etiqueta que a xente me pon bastante, e aínda que me encanta, acaba encorsetándome un pouco, porque falo de moitos outros temas. Nos que son feministas, falo da desigualdade e das inxustizas en xeral. Penso que son unha sorte de ataque contra a sociedade heteropatriarcal en xeral.

-Adoita competir en certames e eventos como o Poetry Slam Compostela?

Non, levo moi mal competir! Non me gusta demasiado. Sinto que cando compites pos a túa obra a disposición do xuízo dos demais, e iso xérame máis inseguridade que comodidade. No caso do Slam, é unha competición moi amigábel. Nel non existe ese sentimento de ser o mellor ou de quedar por diante dos demais. Queda tan contento o que perde como o que gaña. O Poetry Slam reivindica todo o relacionado coa poesía, e a competitividade queda fóra de todo iso, por moi utópico que poida soar. O que si fago é participar en moitos recitais, porque é do que vivo, pero non dentro dos circuítos de competición.

-Por onde pensa que pasa o seu futuro como poeta nos próximos meses?  

Agora mesmo, o próximo é seguir participando en recitais e, ademais, vou ir en novembro a representar á Galiza na competición estatal do Poetry Slam, que vai decorrer na cidade de Zaragoza. A nivel de publicar, no que estou traballando agora mesmo é nunha novela.

-Apóiase o suficiente as artistas galegas e as que na súa obra tratan o feminismo?

Un rotundo non. Nin apoio nin visibilidade. Supoño que as institucións e organismos oficiais non o fan para non collerse os dedos, porque aínda que son temas necesarios, sempre xeran polémica. As únicas institucións que apostan por estas artistas son as que están vencelladas propiamente coa lingua ou co feminismo. Eu son autónoma, e autoedito todas as miñas obras porque precisamente é difícil que acepten certos temas. Que cambie pasa por educar en poesía e en feminismo dunha maneira amábel, para que sexa atractivo, para que haxa unha verdadeira conciencia da súa importancia.

Comentarios