Lourenzá acolleu o inicio do ano dedicado a Francisco Fernández del Riego

A Real Academia Galega (RAG) inaugurou os actos en homenaxe a Francisco Fernández del Riego, autor ao que se lle dedica este 2023 o Día das Letras Galegas, na súa localidade natal de Lourenzá. A institución abriu unha páxina web e anunciou que as actividades que se realicen non rematarán en maio.
Francisco Fernández del Riego. (Foto: RAG)
photo_camera Francisco Fernández del Riego. (Foto: RAG)

Este sábado quedou inaugurado o ano dedicado a Francisco Fernández del Riego, autor elixido para conmemorar o Día das Letras Galegas 2023, cun acto que decorreu na súa localidade de orixe, Lourenzá.

Coincidindo co aniversario do seu nacemento, a Real Academia Galega (RAG) organizou un acto que comezou cun discurso de inauguración a cargo do presidente da institución, Víctor F. Freixanes, en presenza de autoridades da Xunta, da Deputación de Lugo, do propio Concello e membros da academia.

Ao remate tivo lugar a presentación da exposición titulada '100 anos de Del Riego' e un calendario biográfico cos puntos máis relevantes da súa vida e traxectoria. Así mesmo, o evento continuou despois cun concerto de música antiga do Grupo 1500 e a actuación da Asociación Cultural Osorio Gutiérrez no multiusos Ponte de Cuñas.

Unha web para Del Riego

A apertura das Letras Galegas estivo precedida polo inicio da páxina web da RAG dedicada a Francisco Fernández del Riego.

Nela, o académico Ramón Nicolás lembra neste espazo o percorrido pola historia dun home que traballou "incansabelmente" e desempeñou un papel "chave" na vinculación do exilio durante a ditadura franquista e a Galiza do interior.

Programación máis aló de maio

Por outra parte, segundo informou a academia, a programación estenderase máis aló do mes de maio, coa nova edición de Primaveras das Letras, a páxina web da RAG dirixida ao público infantil, da man da escritora Eva Mejuto e a ilustradora Lucía Cobo.

Esta iniciativa presentarase no marco do Ano de Fernández del Riego con Lourenzá como escenario.

Tamén, entre outros contidos, a RAG ofrecerá unha serie documental web sobre o autor do próximo 17 de maio, dirixida pola produtora Miramemira, unha iniciativa que repite a experiencia que comezou no ano 2021.

Outro dos proxectos destacados será a edición das cartas que intercambiaban Francisco Fernández del Riego e Ramón Otero Pedrayo, un traballo realizado pola investigadora Patricia Arias Chachero co limiar do académico Xesús Alonso Montero.

Intervencións institucionais

Ademais da intervención do presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, participaron no acto o conselleiro de de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé.

Para o primeiro, é “de xustiza” que a figura de Del Riego reciba esta homenaxe, entre outras cousas por seu quen o responsábel dun “dos maiores legados que deixou como foi a creación do Día das Letras Galegas".

Pola súa parte, o responsábel da Deputación de Lugo puxo de relevo a "pegada decisiva e indelébel" no galeguismo, a lingua e a cultura do século XX do escritor.

Comentarios