Lorena López: "O título do meu libro comeza cunha pregunta: Son aínda invisíbeis as narradoras?"

Lorena López López (O Páramo, 1983), filóloga e poeta, vén de publicar o traballo Ainda invisíveis? Narradoras e margens na literatura galega contemporânea (Através Editora, 2022), unha obra na que analiza a escrita de catro autoras actuais: Margarita Ledo Andión, Patricia A. Janeiro, Cris Pavón e Teresa Moure Pereiro. A autora reflexiona nesta entrevista para Nós Diario sobre esta investigación, que foi tese e agora é libro. López, con experiencia no campo literario baixo o nome de Lorena Souto, conta con dous dous poemarios Fase de trema (Espiral Maior, 2012), co que gañou o Premio Pérez Parallé, e Coleópteros (Chán da Pólvora, 2018). 
A profesora e escritora Lorena López López en Compostela (Foto: Nós Diario).
photo_camera A profesora e escritora Lorena López López en Compostela (Foto: Nós Diario).

Atopou resposta no seu traballo das razóns da invisibilidade da escrita das narradoras galegas que colocou como título da obra?
O título do libro comeza cunha pregunta. Son aínda invisíbeis as narradoras? Afortunadamente, a situación mudou con respecto á década dos 80 e dos 90, algunhas delas reciben recoñecementos como premios e teñen un grande éxito de público, malia que tamén é certo que queda moito para acadar a paridade, tanto a nivel numérico como no referido a outras cuestións.

Porén, o que pretendo aquí é mirar máis aló. Aínda que as autoras van gañando espazo, o libro trata sobre aqueles ángulos onde non chega esa luz. Interesábame ver que propostas fican na sombra, a cales lles custa máis entrar no campo literario, cales xeran desconforto e, sobre todo, por que.

Cal é a razón de que escollera singularmente estas catro autoras e non outras do panorama actual da literatura galega?
Centreime nas traxectorias destas catro escritoras porque en ocasións atoparon dificultades para publicar ou porque as súas propostas xeraron friccións no ámbito literario por diferentes motivos.

O estudo das súas obras resultoume revelador á hora de analizar dinámicas de campo arredor da produción das narradoras. A escolla non é, obviamente, exhaustiva, mais si que resulta representativa de certas marxes e puntos cegos que seguen a existir no proceso de visibilización das autoras. 

No ensaio céntrome nalgúns elementos que poden atoparse nas súas novelas e que poucas veces foron abordados. Algúns deles son a escrita vangardista, a crítica feminista e de esquerdas ao discurso nacional ou a escolla da norma reintegracionista, ademais do tratamento de subxéneros como a ficción científica ou a novela gótica.

No limiar, a profesora da Universitat de Barcelona, Helena González, sinala que as catro autoras que vostede estuda neste libro "partillan un foco claro na ideoloxia". Cal considera que é a razón desta característica?
En realidade as catro teñen proxectos e escritas moi diferentes e imaxino que tampouco compartirán a mesma maneira de pensar. No traballo das catro identifico unha perspectiva feminista, pero os seus enfoques son diversos, é dicir, que esa perspectiva se materializa na literatura que fan de xeitos moi diferentes, e non sempre obvia.

Cre que a resistencia cultural actual na literatura na Galiza ten nome de muller?
Só as mulleres escriben cunha perspectiva resistente? Todas as mulleres que escriben fano cun enfoque que poidamos considerar resistente? Resistente a que? Podemos dicir que escribir nunha lingua minorizada como o galego xa é resistir. Que as mulleres comezaran a gañar espazo nun eido e o patriarcado llelo negara tamén se pode entender así. 

Porén, o libro que agora publica Através Editora pretende pensar matices, analizar os puntos de fricción e diverxencia; fuxir das uniformizacións e dos estereotipos. Preocúpanme especialmente aqueles que aparecen como espellismos de liberación e que poden acabar estreitándonos o universo de posíbeis.

Comentarios