O euskara mira xa para Hollywood

Loreak é o primeiro filme en euskara que é candidato aos Oscar por España. Pero houbo máis linguas minorizadas europeas que mesmo chegaron a ser nominadas pola Academia de Cinema de Hollywood, aínda que ningunha rematou levando a estatuiña. Facemos un repaso delas. 

loreak-12
photo_camera Loreak

Loreak vén de ser hoxe noticia por ser o filme elixido pola Academia de Cinema para representar a España nos principais galardóns do mundo audiovisual. Un camiño que xa emprendeu antes a catalana 'Pa negre' de Agustí Villaronga en 2011, aínda que non chegou a ser nominada. 

Sen embargo, outras fitas si chegaron á alfombra vermella, como as galesas 'Hedd Wyn' (exclusivamente nesta lingua céltica, 1993) e 'Solomon a Gaenor (en galés e inglés, 1999). Tamén o conseguiu o filme en sami (lapón, aínda que eles consideran pexorativo esta denominación) 'Ofelaš' en 1987.

O galés conta probablemente co sector audiovisual máis desenvolvido das linguas minorizadas europeas, en boa parte por contar cunha televisión en galés de moita calidade (S4C) que segue o ronsel da BBC. Nos últimos 25 anos a Academia Británica elixiu oito filmes total ou parcialmente falados en galés. No último, 'Patagonia', as linguas utilizadas son o galés e o español, xa que conta a historia dunha comunidade de galeses que se foron a vivir a esta rexión arxentina no século XIX e que aínda hoxe en día continúan a falar este idioma céltico da familia britónica (curmán do bretón e do córnico). 

Paradoxicamente, chegaron máis filmes galeses a competir por estes galardóns que irlandeses. Os últimos intentos foron dous filmes do director Tommy Collins, que non chegaron a ser nominados: 'Kings' (2007) e 'The gift' (2014). 

En Galiza polo momento non chegamos a ver ningún filme en galego seleccionado pola Academia española, aínda que o galego se escoitara de forma testemuñal no 'Mar adentro' de Alejandro Amenábar que gañou o Oscar en 2004. 

Comentarios