López Varela “As ideas políticas e de compromiso co país converten Curros por excelencia no poeta civil da Galiza"

Elisardo López Varela, especialista na obra de Curros Enríquez, sobre a que desenvolveu a súa tese de doutoramento, é o autor do terceiro fascículo da colección “Aí vén o maio!” que está a publicar Nós Diario. Falamos con el sobre Curros e sobre Aires da miña terra.
Lñopez Varela
photo_camera López Varela

No seu traballo vostede afirma que Curros sempre tivo clara a súa función como poeta. Sobre que eixos vira a poética de Curros?

É no poema “Encomenda” presente nas tres edicións de Aires da miña terra, onde achamos a concepción que o autor tiña da forma de ser poeta: un guía combativo, rebelde ante a inxustiza e firme defensor do seu pobo.  

Sabemos que o seu principal medio de vida foi o xornalismo, tanto en Madrid (El País), como na Habana (Diario de la Marina, La Tierra Gallega). A través del puidemos ir descubrindo o seu pensamento e as súas inquedanzas. Mais tamén nos seus versos achamos o seu ideario firme e claro, o Curros auténtico e comprometido. As súas ideas políticas (republicanas e antiimperialistas), sociais, anticlericais e de compromiso co país convérteno por excelencia no poeta civil da Galiza.

Pola defensa da súa identidade, que se manifestou na defensa do idioma (intentando superar o galego dialectal propio da zona ourensá elevándoo, a través dunha rica variedade estrófica, a lingua literaria común), no apoio á creación das súas institucións (iniciador da creación da Academia galega), na preocupación polo seu progreso (“Na chegada a Ourense da 1ª locomotora”), na defensa das súas xentes e na denuncia das inxustizas cometidas contra o seu pobo, poderíamos consideralo hoxe como un fiel representante do pre-nacionalismo galego.

Entre 1880 e 1886 Aires da miña terra tivo tres edicións, pasando dos 21 poemas iniciais aos 36 poemas da edición de 1886. Tematicamente, como se organiza o libro?

Non vemos unha orde lóxica na disposición das composicións clasificadas por temas. Mais ás veces encontramos algunha intencionalidade clara. Así, o primeiro poema do libro, “Introdución”, serve para se posicionar a respecto do seu compromiso coa lingua, e resulta relevante que situase “Encomenda” (concepción da función do poeta) en último lugar nas dúas primeiras edicións. 

Ao principio do libro, aparecen os tres poemas premiados no Certame de Ourense, que xa foran publicados anteriormente, mais outros con esta mesma particularidade non se agrupan nin cronolóxica nin tematicamente. Mesmo “Cántiga”, o seu primeiro poema, aparece incrustado no medio do libro.

No entanto, resulta significativo que Curros situase seguidos os tres poemas intimistas que afectaron fondamente o seu espírito: “Ben chegado”, “Ai!” e “Na morte de miña nai”. 

Curros é un dos referentes da nosa literatura. Cal é a vixencia actual de Aires da miña terra?

Nalgúns aspectos parece un libro de plena actualidade: a postura en contra da pena de morte (aínda presente en moitos países, como EUA), a denuncia contra os abusos da Igrexa  (véxanse hoxe os casos de pederastia), o seu posicionamento en contra da monarquía e a favor da república, a defensa do débil, do traballador, do labrego (labor representado teoricamente hoxe por axentes sociais e ONGs), a defensa da lingua galega xa daquela ameazada, etc. son temas de actualidade que aínda estamos á espera de que sexan resolvidos pola sociedade actual.

Subscríbete

As subscritoras e subscritores recibirán as entregas do coleccionábel, de terzas a sextas feiras, cada día con Nós Diario, ben en papel ben para a lectura na nube, en función da modalidade elixida. Se non es asinante, podes sumarte en nosdiario.gal, ou ben podes reservar o diario en papel nos quioscos.

Comentarios