En Pontevedra entre os días 5 e 9 de abril

López Petit e Andoni Alonso estarán na Semana da Filosofía

A Aula Castelao e o Concello de Pontevedra presentan a programación da edición de 2021 da Semana Galega da Filosofía, que decorrerá do 5 ao 9 de abril.
fotonoticia_20210312164135_1920
photo_camera Montse Fernández, Alexandre Cendón e Xoán Carlos Garrido. (Foto: Europa Press)

A XXXVII Semana Galega da Filosofía vén de facer pública a súa programación de 2021, que retoma a temática do ano pasado ao non poderse realizar daquela por mor da Covid-19, “A civilización dixital”.

O Teatro Principal de Pontevedra será o escenario, entre o 5 e o 9 de abril, desta semana de debate e relatorios filosóficos dos que tomarán parte o catalán Santiago López Petit e o vasco Andoni Alonso.

O presidente da Aula Castelao, Alexandre Cendón, foi o encargado de presentar esta sexta feira a programación, cuxa conferencia inaugural, a mañá da segunda feira 5 de abril, correrá a cargo do doutor da Universidade de Vigo Albino Prada. O economista realizará unha análise crítica do desenvolvemento económico e do aumento da exclusión social.

A tesoureira da Aula Castelao, Montse Fernández, quixo avanzar o programa matinal da Semana da Filosofía, cando intervirán, o 6 de abril, o profesor da Universidade de Barcelona Santiago López Petit, quen relatará arredor de “O algoritmo da vida”.

Mais na mañá do 7, está pendente o nomeamento da persoa que intervirá, posto que a intervención da xornalista Marta Peirano tivo que cancelarse.

O traballador do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Antonio Lafuente, tratará na quinta feira dos “Laboratorios de deseño, humanidades dixitais e sonambulismo tecnolóxico”, arredor da relación entre a ciencia e os movementos sociais.

A última mañá, correrá a cargo de Andoni Alonso, da Universidade de Navarra, con “Decadencia do progreso”, onde aposta por recuperar o ludismo para a crítica actual da tecnoloxía.

O vicepresidente da Aula, Xoán Carlos Garrido, anunciou que as conferencias vespertinas, de 18 a 20 horas, as inicia a editora Iolanda Gomis, quen falará de “Tecnoloxía e sociedade na Galiza" e de como afectou a globalización ás culturas minorizadas. Iolanda Mato exporá “Galiza (non) é unha mina”, e o escritor e blogueiro David Rodríguez tomará a palabra para falar do “Capitalismo total na Galiza”.

Antonio Rial Boubeta, da USC (Universidade de Compostela) falará en “Chaves e desafíos para unha verdadeira integración dixital" do impacto das novas tecnoloxías na adolescencia. Por último, será Sabela Fraga quen feche a Semana da Filosofía co relatorio “A irrupción da imaxe”.

Comentarios