Caderno 'Máis'

Longa vida ao Revenidas

Vilaxoán gozará de cinco días de concertos.
Dakidarría están a celebrar a súa maioría de idade con novo disco. (Foto: Dakidarría)
photo_camera Dakidarría están a celebrar a súa maioría de idade con novo disco. (Foto: Dakidarría)

O Revenidas será do 7 ao 11 de setembro unha gran festa da música galega no parque de Dona Concha. Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa, acollerá un "toma e daca" en que trece das 14 bandas que dispararán acordes son do país, ás que hai que sumar os portugueses Plectro, gañadores da última edición do certame Xenerasón Rock, organizado polo festival Go! Go! Zo!. O Revenidas aposta este ano por referentes entre a mocidade, en distintos xéneros e estilos, como son Ortiga, Grande Amore, Caamaño & Ameixeiras ou Monoulious Dop. Tamén haberá lugar para nomes consagrados como o de Sés, Baiuca, Tanxugueiras ou A Banda da Loba, así como para as bandas emerxentes The Rapants ou Doen.

Xunto a Lendakaris Muertos ou Ladilla Rusa actuarán as artistas arousás Kris K Dj e La Yaya Dj, Os Terribles de Arousa e Copa Turbo, que traerán o punk envolto en cancións. Á esta gran festa tamén estará convidada Boyanka Kostova e Monolious Dop, que se distribuirán en cinco días de festival.

A derradeira xornada, a do domingo 11 de setembro, coincidirá coa sardiñada popular, en que as do xeito compartirán protagonismo con actuacións teatrais e a gala de circo. Na parte musical actuarán Sés, Ortiga e Caamaño & Ameixeiras, Os Terribles de Arousa e Louband. Ademais, a gala de circo servirá para celebrar os 20 anos en escena de Peter Punk, que se rodeará de Kaldi, Pajarito, Cou, Dakidarría, Leo Arremecághona, Malala e Iván e Brais das Hortas. Na vertente teatral, a compañía Paraíso porá en escena Os diarios de Eva e Adán (Boleros no paraíso), con música en directo de Xosé Lois Romero e Xoán Porto. As entradas están á venda na web do festival.

Comentarios