‘Longa noite’, elixida mellor película no Festival Transcinema 2019

O filme de Eloy Enciso regresa de Perú co premio á mellor película na competencia internacional no festival independente de cinema contemporáneo Transcinema.
Fotograma de Longa noite
photo_camera Fotograma de Longa noite

'Longa Noite', o file de Eloy Enciso, segue colleitando premios. Após de recoller o premio da crítica no festival de Locarno (Suiza), a última produción do director de Meira regresa do Festival Transcinema de Perú co premio á mellor película na competencia internacional.  

O filme sitúase anos despois de rematada a Guerra Civil, cando Anxo volta ao seu fogar na Galiza do interior. As conversas que mantén durante esa viaxe revélanlle como a guerra e o novo réxime transformaron as relacións humanas. A súa chegada bate de fronte coa desconfianza quer dos vencedores, quer dos vencidos, que temen que Anxo profunde en lembranzas que crían silenciadas.

A inspiración do autor parte de textos de Max Aub, Luís Seoane, Alfonso Sastre ou Ramón de Valenzuela para explorar os fundamentos sociais e políticos do fascismo. O galardoado director de Arraianos compón deste xeito un “poderoso retrato sensorial e psicolóxico” (Cineuropa), apoiado pola fotografía de Mauro Herce —Dead Slow Ahead— e a actuación de Misha Bies Golas, Nuria Lestegás, Celsa Araújo, Verónica Quintela, Manuel Pumares e Suso Meilán.

A produción do filme, a cargo de Fílmika Galaika, contou co apoio da Universidade de Harvard, AGADIC, a Deputación de Pontevedra, a Deputación da Coruña, o Concello de Pontevedra e Televisión da Galiza. Da súa distribución encárgase Numax.

Comentarios