‘Longa Noite’ competirá na sección oficial do Festival de Sevilla

O último filme de Eloy Enciso estará presente na Sección Oficial do 16º Festival de Sevilla, que terá lugar do día 8 ao 16 de novembro. Esta será a súa estrea no Estado español, antes da súa proxección en salas a partir do 5 de decembro, cando chegará ás salas galegas.

Fotograma de Longa noite
photo_camera Fotograma de 'Longa Noite'. Imaxe: cedida.

O último filme de Eloy Enciso, Longa Noite, segue colleitando éxitos, pois vén de ser escollido para a Sección Oficial do Festival de Sevilla, que celebra a súa décimo sexta edición. O certame celebrarase do día 8 ao 16 de novembro e reunirá unha escolma do mellor cinema de autor europeo contemporáneo. Esta cita converterase na estrea en España do filme de Enciso, após percorrer o circuíto internacional pasando por Locarno (Boccalino d'Oro ao Mellor Director), Toronto ou Nova York. Longa Noite non poderá verse en salas até o vindeiro 5 de decembro da man de NUMAX Distribución.

O filme sitúase anos despois de rematada a Guerra Civil, cando Anxo volta ao seu fogar na Galiza do interior. As conversas que mantén durante esa viaxe revélanlle como a guerra e o novo réxime transformaron as relacións humanas. A súa chegada bate de fronte coa desconfianza quer dos vencedores, quer dos vencidos, que temen que Anxo profunde en lembranzas que crían silenciadas.

A inspiración do autor parte de textos de Max Aub, Luís Seoane, Alfonso Sastre ou Ramón de Valenzuela para explorar os fundamentos sociais e políticos do fascismo. O galardoado director de Arraianos compón deste xeito un “poderoso retrato sensorial e psicolóxico” (Cineuropa), apoiado pola fotografía de Mauro HerceDead Slow Ahead— e a actuación de Misha Bies Golas, Nuria Lestegás, Celsa Araújo, Verónica Quintela, Manuel Pumares e Suso Meilán.

A produción do filme, a cargo de Fílmika Galaika, contou co apoio da Universidade de Harvard, AGADIC, a Deputación de Pontevedra, a Deputación da Coruña, o Concello de Pontevedra e Televisión da Galiza. Da súa distribución encárgase Numax.

Comentarios