Lolita Díaz Baliño, pioneira entre as ilustradoras recoñecidas

A creadora será homenaxeada no Día da Ilustración, cuxa programación foi presentada esta segunda feira.
Ilustración
photo_camera Ilustración

A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (Agpi) e a Consellaría de Cultura presentaron hoxe o programa do Día da Ilustración 2021 que, por vez primeira, estará adicado a unha muller. Este ano o sector homenaxeará a Lolita Díaz Baliño, que foi unha pioneira da profesión na Galiza.

As actividades terán lugar o sábado 30 de xaneiro -coincidindo coa efeméride do nacemento de Castelao- e decorrerán fundamentalmente en bibliotecas públicas e escolas de arte. No entanto, dadas as circunstancias sanitarias haberá retransmisión en liña dalgúns actos. Así o anunciaron hoxe o ilustrador Manuel Cráneo (encargado do cartel); o presidente de Agpi, Miguel Cuba; e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

Xuntos explicaron que é “imprescindíbel pór en valor” a figura da tamén pintora e profesora Lolita Díaz Baliño, que precisamente era tía do intelectual Isaac Díaz Pardo.

Así falaron, non só da calidade dos seus traballos, senón tamén de que foi das primeiras do sector e entrou na Real Academia Galega de Belas Artes xunto coa pintora Carmen Corredoyra en 1938, sendo as dúas primeiras mulleres.

Este proxecto para dar visibilidade á profesión comezou en 2014 e, en palabras da representación da Xunta, naceu para “promover a obra dos ilustradores galegos de hoxe en día, así como reivindicar o traballo de profesionais clásicos, en moitas ocasións pioneiros”.

Un encargo especial

“A obra de Díaz Baliño deu forma ao imaxinario da Galiza”, destacou Miguel Cuba, que concretou o encargo a Lidia Cao, Nuria Figueiredo, Laura Romero e Iria Ribadomar para que “ilustren os aspectos da autora que lles inspiraran”.

Tanto estas pezas de arte como os catro vídeos que amosan como traballaron as creadoras están dispoñíbeis na páxina web do Día da Ilustración 2021. Tamén hai unha peza audiovisual explicando o cartel.

Comentarios