venres 30/10/20

Lola Oviedo, artista: "En min hai un antes e un despois do 'Prestige', non podo esquecer o mar negro diante da casa"

Lola Oviedo, artista (L. Oviedo)
Lola Oviedo, artista (L. Oviedo)

Lola Oviedo estudou Pedagoxía, mais acabou entrando no mundo artístico. Formouse en gravado no Centro Internacional da Estampa Contemporánea (CIEC) e no Museo de Belas Artes da Coruña. Recoñécese autodidacta para ser libre e exerce esa liberdade na súa obra e no día a día. Procura a inocencia da infancia a través das cores e dos trazos sinxelos. Vende obra e non acepta encargos. Hai anos fuxiu do mercado da arte e do que representa para experimentar, ollando ao mar, desde o seu obradoiro de Caión, no municipio da Laracha.     

Como foron os seus inicios no mundo das artes? Cal é a razón de que escollera facer tapices e gravados? 

Comecei por azar, foi moi curioso. En realidade estudei Pedagoxía, mais na miña casa había pinceis. O meu pai e o meu irmán pintaban moi ben. Eu non o facía mal no colexio. Xa de maior animeime facendo tapices, mais nunca pensei en dedicarme a iso. Gustábanme os fíos e as cores e coincidiu un día en que un amigo me comentou que había un obradoiro que podía interesarme.

Acabei por estar dous anos nel aprendendo todas as técnicas. Logo fixen unha exposición nunha tenda de móbeis de deseño, un lugar curioso, e nela coñecín a pintora Blanca Silva, que me animou a facer gravado e pintura. Así foi como pasei a facer gravado en Betanzos. Penso que é unha técnica que engancha, tanto  como o alcohol ou o tabaco. Aínda que tamén probei coa pintura máis tarde, o gravado para min é maxia.

Cales son as técnicas que máis lle atraen?  

Como son unha persoa fundamentalmente vaga, necesito moita liberdade para facer e hai técnicas que son ríxidas. Logo tiven a sorte de atoparme co gravador sirio Ali Alí que me ensinou moitas técnicas e logo outro artista, Arximiro, indicoume que debía empregalas mais evitar que elas me empregaran a min. O máis importante é ser libre. Non fago os entintados ríxidos e cando levanto o papel do tórculo é toda unha sorpresa, case máxica. Se algún dos que fixen non me gusta aproveito e fago con eles unha colaxe.

Como chega aos temas que trasladará ás súas obras?

En min hai un antes e un despois do Prestige. Non podo esquecer o mar negro que vín diante da miña casa. Vivo en Caión, diante do mar, e lembro que un día me levantei e xa non era azul, era negro e cheiraba a gas. Por ese motivo fago moitos fondos submarinos, coas cores moi óxidas. En realidade eu xogo coas cores, como cando tiña catro anos, non son nada intelectual na maneira de prepararme.

Represento moitas veces Caión, cunhas casas moi minimalistas, bosques no verán ou cos incendios a través das terras queimadas. Barcos, postas de sol. Para min o fundamental son as cores. Cando teño posibilidade viaxo. Gústanme moito cidades como Bos Aires e Montevideo. Cando volvo a Caión fago esas casas e rúas cheas de árbores que vin. Tamén os seus ceos nítidos. Para min a expresión artística representa a importancia que tería para unha nena. Canta máis pureza, limpeza e harmonía mellor. O mesmo que a música. 

Hai mercado para a arte na Galiza rural?

En lugares como Carballo si. Calquera exposición que fagas, alí ten éxito. Agora, en xeral é moi complicado. As galerías son negocios e teñen que gañar. Eu non creo que haxa ningunha pintora ou pintor que viva da arte, a non ser que teña contactos en determinadas institucións. No meu caso é que nin o pretendo. Non aturo as galerías. Algunha vez traballei con elas e deixáballes obra que logo non devolvían ou vendían e facíanse os tolos.

Teño, por sorte, unha serie de persoas que veñen á miña casa, gústalles a miña obra e cómprana. Traballo para min, non fago encargos. Son moi austera, prefiro ter moito menos e poder erguerme á hora que queira, pintar en calquera momento e ter menos diñeiro.

Non sei como vou conseguir o que quero, mais sei que non terei o que non quero. Teño a sorte de contar con amizades e valorar a vida. Hai xente que di que me envexa como vivo, non saben que o que escollín ten o seu risco.

comentarios