Os versos combativos nutren as letras do primeiro traballo discográfico de Acordeireta

'Loitar cantando': unha muiñeira con Celso Emilio Ferreiro ou Luz Fandiño

O dúo Acordeireta presenta o seu primeiro disco, 'Loitar cantando', no que a música de raíz se concilia cos versos comprometidos de diferentes poetas galegas, de Rosalía de Castro a Luz Fandiño. Unha homenaxe feita desde o agarimo por aquelas que as acompañan na loita, coa lingua sempre como bandeira. 
Patricia González coa pandeireta e Alejandro Balbuena Ojea co acordeón. (Foto: 1.1 Fotografía)
photo_camera Patricia González coa pandeireta e Alejandro Balbuena Ojea co acordeón. (Foto: 1.1 Fotografía)

Pódese Loitar cantanto. Así o queren demostrar desde o título, toda unha declaración de intencións, do seu primeiro disco o dúo Acordeireta, cuxo nome vén dun apócope que xa anticipa as sonoridades que imos atopar, aínda que non só. O grupo naceu da unión de Patricia González Iglesias (voz e pandeireta) e Alejandro Balbuena Ojea (acordeón, bombo e voz), alá por 2016.

"Pódese loitar coa música, é unha maneira moi bonita", acredita Balbuena. "Pódese loitar con todo o que se fai", engade González, "eu loito coas miñas costuras", di a dona do obradoiro Saiáns (Vigo). Sobre estas premisas érguese un álbum, e un proxecto, que foxe premeditadamente das "letras insípidas", como lles chama Balbuena, para reafirmar o seu compromiso coas causas xustas, e o seu agarimoso con aquelas persoas que as defenderon e as defenden. 

"Tiñamos claro desde o principio que queriamos facer música de raíz, pero estabamos algo fartas de cantar coplas que non sentimos", explica a pandeireteira. "Hai moitas que hoxe xa non deberiamos interpretar", di en referencia especialmente a aquelas que teñen contidos machistas, "négome a alimentar esa tradición". Acoden, pola contra, á poesía como base para a inmensa maioría do seu repertorio vocal. 

Unha homenaxe ás loitadoras

O disco traza un percorrido que homenaxea moitas persoas que as músicas queren e admiran, como a inesgotábel Luz Fandiño ou o sempre sabio mestre Luís Prego.

Algunhas son coñecidas directas. Outras, figuras tan recoñecidas das nosas letras como a omnipresente Rosalía de Castro ("Miña Rumbiña, Miña Rumbasa"), Curros Enríquez ("A Rosalía") ou Ricardo Carvalho Calero ("Aperta"), que continúan vivas en verbas que aínda poden ser, e de facto son, tamén banda sonora do noso tempo.

"Queremos que a súa luz continúe acendida mentres soen as súas cancións e poemas", aseguran. 

A escolma de Loitar Cantando abre así cunha das voces da poesía social por antonomasia da lírica galega da posguerra, a do "Deitado frente ao mar" de Celso Emilio Ferreiro.

Neste senso, aseguran que quixeron acompañarse de textos que foron importantes para elas ao longo da vida. No caso do de Celanova, González lembra que o leu por primeira vez no instituto, mais no momento non valorou o que as súas palabras supuñan.

A este súmanse outras voces que nos chegan a través da súa música con afectuosas dedicatorias no libriño que acompaña o CD. Lembran así o acordeonista diatónico de Merexo (Muxía) Manuel Xosé Pazos Redonda, falecido en 2019; os gaiteiros Suso Comesaña e Ricardo Santos; ou o señor Julio (Pérez Campos), que emigrou ao Uruguai procurando unha vida mellor e non lle daba chegado o momento de volver á terra. 

Descubrir a poesía

Balbuena recoñece que toda esta experiencia lle serviu para achegarse á poesía, pois "sempre estiven máis ligado á música como instrumentista, pero agora estou moi enganchado", brinca. "Luz Fandiño abriunos a porta", comenta González, ao que o seu compañeiro engade que os seus versos ofrecen "verdades como puños". Un dos seus poemas é o que lle dá precisamente título ao álbum, que sempre tiveron claro que se algún día publicaban se tiña que chamar así. Dela musican tamén "Rumba para Cuca". 

Porque a tradición tamén pode cantar poemas

"Normalmente asociamos o de musicar poemas a outra clase de xéneros, como o rock ou o jazz. Por que non bailar muiñeira coas nosas poesías?", reivindica González, opinando que esa expansión era tamén unha das pretensións do proxecto. Desta maneira, Acordeireta non quere restrinxir a tradición a coplas que falen só do campo e do mar, con letras superficiais (sen subestimar a retranca), que para elas en moitos casos non se corresponden coa realidade actual. "Xa non imos ao muíño", comenta González. Queren, xa que logo, alimentar "aquilo que está vivo", como os poemas de Rosalía, que malia seren escritos hai máis de 100 anos, seguen para elas vixentes.

Comentarios