Loitadoras polos dereitos humanos: pór cara a persoas "sen rostro"

A Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social, Agareso, e a Coordinadora Galega de ONGD, en colaboración coa Iniciativa Mesoamericana de Mulleres Defensoras de Dereitos Humanos, publican as biografías de tres activistas de Honduras, México e Guatemala escritas por Lara Dopazo.
LDR_Jesus_Castro_Yañez_retocada (1)
photo_camera A escritora Lara Dopazo é a autora dos tres primeiros traballos da colección 'Defensoras de dereitos'. (Foto: Jesús Castro Yáñez)

"Defensoras de dereitos" é o título da colección que esta primavera puxeron en marcha a Coordinadora Galega de ONGD e a Asociación Galega da Comunicación para o Cambio Social (Agareso), en colaboración coa Iniciativa Mesoamericana de Mulleres Defensoras de Dereitos Humanos.

A proposta desta última, as tres primeiras protagonistas da colección, especialmente dirixida ao estudantado adolescente son: Miriam Suazo (A digna rabia), feminista e activista hondureña de dereitos humanos; Estela Ángela Mondragón (O camiño a Baqueachi), avogada mexicana defensora dos dereitos sobre o territorio; e a indíxena guatemalteca María Cuc Choc (O corazón en alto), defensora dos dereitos das mulleres maia q'eqchi'. 

A responsábel da autoría das súas historias é a escritora galega Lara Dopazo, que explica, "botei man dunha parte moi xornalística, coas entrevistas que lles fixen a elas, a miña fonte primaria de información", explica para Nós Diario.

Máis deseguido, este proxecto que conta co apoio da Deputación de Pontevedra, tamén ten un "estilo literario". Sobre o público ao que vai dirixido, en especial o lectorado xuvenil, a autora tamén destaca que, "a pesar de que os libros son pequenos e parecen sinxelos tiven que documentarme moito para entender os seus contextos e os seus países porque son realidades moi distintas á nosa"

E así as obras, ilustradas polo colectivo de arte gráfico mexicano RotmInas, ten un estilo narrativo cargado de "interpelacións" arredor de determinados temas que permiten o traballo na aula "sobre estas mulleres defensoras de dereitos con nomes e apelidos e contextos moi concretos".

"Son libros que buscan facer crítica e espertar o interese por estas cuestións e outra tarefa fundamental é pórlles nomes e apelidos porque cando falamos de defensoras de dereitos, e máis cando se trata de mulleres, parece que son como unha masa informe de xente, sen rostro e moi abstracta", recalca a autora.

"Son mulleres en situacións moi complexas, que viven experiencias de moita violencia e violacións moi graves dos dereitos humanos, e están ao pé de guerra tentando facer das súas comunidades e, polo tanto do mundo, un lugar mellor.

Defender a quen defende

A campaña #Defensoras Sementes de Cambio é, precisamente, unha iniciativa para pór rostro e voz ás activistas mesoamericanas "para reclamar aos Estados que adopten medidas urxentes para garantir a súa protección integral", din desde a Coordinadora Galega de ONGD.

"O último informe de Frontline Defenders, unha organización de apoio e protección ás activistas, revelou que 28% das 331 persoas defensoras de dereitos humanos asasinadas no mundo en 2020 traballaban polos dereitos das mulleres", explican, e segundo IM-Defensoras, desde a irrupción da Covid-19 medraron as detencións arbitrarias e a criminalización contra as mulleres defensoras de dereitos.

Material dispoñíbel en liña

Os volumes Miriam Suazo e a digna rabia, Estela Ángeles Mondragón e o camiño a Baqueachi e María Cuc Choc e o corazón en alto son de acceso libre para centros de ensino e espazos de educación non regrada e tamén dispoñíbeis en formato dixital para o público xeral.

"Ante este contexto de violencia e represión mantemos o noso compromiso de defender a quen defende", afirma Lorena Seijo, coordinadora de Agareso e portavoz da Coordinadora Galega de ONGD.

Tres voces femininas que reflicten a loita polos dereitos humanos en Mesoamérica

"Miriam Suazo traballa temas de xénero, sobre todo con persoas que sufriron algún tipo de violencia, e forma parte de agrupacións feministas", explica Lara Dopazo. Das outras dúas protagonistas, Estela Ángeles Mondragón e María Cuc Choc, relata que "ambas son defensoras da terra pero de maneiras moi distintas.

Cuc é unha muller indíxena que viu vulnerados os seus dereitos por parte de entidades transnacionais e Estela é avogada especialista na propiedade da terra e leva toda a vida sendo defensora de comunidades indíxenas que teñen preitos para recuperar as terras que lles corresponden".

Esta primeira entrega protagonizada por tres mulleres de Guatemala (María Cuc Choc), de Honduras (Miriam Suazo) e México (Estela Ángeles Mondragón) está dispoñíbel para descarga libre a través da web de Galiza Solidaria.

Comentarios