sábado 11.07.2020

A loita política clandestina de Carvalho Calero

Ricardo Carvalho Calero foi membro do Comité Executivo do Partido Galeguista desde principios de 1944. Nesta formación o intelectual desenvolveu diversas responsabilidades na comarca de Ferrol até finais de 1945, após ser substituído por Arsenio Espilla Silvar.
Ramón Piñeiro e Ricardo Carvalho Calero, nun acto (Imaxe: Nós Diario).
Ramón Piñeiro e Ricardo Carvalho Calero, nun acto (Imaxe: Nós Diario).

A historia sobre o proceso de reorganización clandestina e da actuación política das diversas expresións do nacionalismo na década dos 40 do século XX precisan dunha revisión. O acceso á documentación xerada polo Partido Galeguista naquela altura e a aparición de novos fondos contemporáneos aos feitos someten a cuestión boa parte do relato hexemónico sobre a acción do nacionalismo naquel momento así como dos fitos máis significados daquela xeira. A este respecto, cómpre adiantar que o Partido Galeguista non conta cunha estrutura organizativa efectiva até comezos de 1944, e outro tanto acontece co núcleo nacionalista organizado arredor da Unión Nacional.

A versión comunmente aceptada sobre o papel desenvolto por Ricardo Carvalho Calero nese proceso e o seu labor como dirixente clandestino do nacionalismo estivo condicionada pola visión achegada nas súas memorias por Ramón Piñeiro López e Francisco Fernández del Riego, fontes chave na construción do relato historiográfico do período. Segundo estes dous testemuños, Carvalho Calero negouse a participar ou a asumir compromisos nesta xeira do nacionalismo, excluíndose das súas filas por razóns nunca explicadas e, por conseguinte, carecendo de compromiso partidario militante nos anos duros do franquismo.

A ollos de Piñeiro e de Del Riego

Ramón Piñeiro López recuperou nas súas memorias, baixo o título Da miña acordanza, unha parte dese tempo dando conta do seu labor como militante liberado do Partido Galeguista. Así, recordou que “en total foron dúas ducias de persoas, máis ou menos, as que se amosaron dispostas a colaborar. Outras refugaron facelo, aducindo razoabelmente que xa pagaran a súa cota de entrega ao país, como foi o caso de Carvalho Calero, que estivera no cárcere, aínda que me pediu que o mantivese informado, pero liberado de calquera actividade que puidese pór en risco a seguridade da súa familia”.

Francisco Fernández del Riego, n´O río do tempo, afirmou a presenza de Carvalho Calero no Partido Galeguista durante esa etapa, porén ocupando unha función menor e avanzando dúbidas na orientación formulada por Ramón Piñeiro. Fernández del Riego, nunha parte das súas memorias referidas a veteranos militantes nacionalistas que presentaron reparos á súa participación na reorganización clandestina do nacionalismo, como Valentín Paz Andrade, Manuel Peña Rei ou Plácido Castro, escribiu que Ramón Piñeiro “visitou tamén a Carvalho Calero nunha aldea veciña de Ferrol, quen, pese a certas reservas, manifestouse conforme ao enfoque que lle estabamos a dar ao problema”.

A información recollida na documentación contemporánea impugna de modo frontal este relato. Ricardo Carvalho Calero non só fixo parte da organización clandestina do Partido Galeguista, senón que se destacou como membro do seu núcleo impulsor e participou do seu máximo órgano de dirección a canda Manuel Gómez Román, Ramón Otero Pedrayo, Plácido Castro del Río, Ramón Piñeiro López e Francisco Fernández del Riego. Carvalho Calero pertenceu ao Comité Executivo do Partido Galeguista desde comezos de 1944 até xullo de 1945 e desempeñou a máxima responsabilidade da formación na comarca de Ferrol até finais de 1945, cando foi substituído por Arsenio Espilla Silvar.

A finais de 1944, Francisco Fernández del Riego dirixiuse por carta a Daniel Castelao, en Bos Aires, para darlle conta dos traballos de reorganización do Partido Galeguista iniciados polos nacionalistas de interior e informalo da composición do “Comité Provisonal” da formación. Así, sinalou que “son membros integrantes do mesmo don Manuel (Gómez Román) e Plácido (Castro del Río), que xa o eran legalmente e Otero (Ramón Otero Pedrayo), polo seu prestixio. Ademais completouse cos nomeamentos a prol de Carballo (Ricardo Carvalho Calero), Piñeiro (Ramón Piñeiro López), Bóveda (Vicente Bóveda López) e eu (Francisco Fernández del Riego) que estamos encargados para efectuar funcións activas”.

Comité Executivo do Partido Galeguista

Unhas semanas máis tarde, concretamente en xaneiro de 1945, o Comité Executivo do Partido Galeguista enviou un informe oficial ao Consello da Galiza, presidido por Daniel Castelao, onde analizou a situación política do país e informou da organización clandestina do nacionalismo. No mesmo afirmouse, que o Partido Galeguista “organizouse a comezos de 1944” e “está representando e dirixido por un Comité Executivo Provisional integrados polos irmáns Gómez Román, Otero Pedraio e Plácido Castro como persoeiros da continuidade legal e polos irmáns Carballo Calero, Piñeiro e Riego como elementos activos”.

Daniel Castelao tomou conta dos acordos e remitiu indicacións para corrixir a falla de pericia clandestina dos seus compañeiros de interior. A este respecto, nunha circular remitida ao Comité Executivo do Partido Galeguista sinalou “Unha advertencia. Os vosos nomes non deben correr en ningunha carta, por seguro que sexa o conduto a non ser en casos excepcionais e por absoluta necesidade. Eu utilizarei as letras A, B, C, D, E, F ou os números 1, 2, 3, 4, 5, 6 para designar os seis membros do Comité, segundo viñeron no informe que me remitíchedes”. A partir deste momento, Ricardo Carvalho Calero pasou a ser o irmá D en toda a documentación clandestina do Partido Galeguista.

Ricardo Carvalho Calero permaneceu na dirección do Partido Galeguista até a súa primeira asemblea clandestina, realizada na parroquia viguesa de Coruxo o 22 de xullo de 1945. Seguindo a versión achegada nas súas memorias por Ramón Piñeiro López e Francisco Fernández del Riego, a maior parte da historiografía datou a asemblea de Coruxo no verán de 1943, un suposto desmentido polos diarios persoais dalgúns dos asistentes, pola convocatoria da mesma asinada por Ramón Piñeiro e pola documentación do propio partido.

O mes de setembro de 1945, o Comité Executivo do Partido Galeguista elaborou un novo informe onde explicou os obxectivos da asemblea e as mudanzas na composición da dirección da formación. Neste relatorio sinalouse que “procedeuse a organización dun novo Comité e ao establecemento do Consello. Naquel foron substituídos por outros elementos, os irmáns B, C, D, ficando nos mesmo postos os que desempeñaban A, E, F”. Xa que logo, saíron da dirección Plácido Castro del Río, o irmán B, Ramón Otero Pedrayo, o irmán C, e Ricardo Carvalho Calero, o irmán D, continuando na mesma Manuel Gómez Román, irmán A, Ramón Piñeiro López, irmán E e Francisco Fernández del Riego, irmán F.

comentarios