luns 24.02.2020
Memoria

Lois Peña Novo, cen anos do "primeiro rexedor nacionalista da nosa patria"

O político foi elixido concelleiro pola Coruña o 8 de febreiro de 1920
Retrato de Lois Peña Novo
Retrato de Lois Peña Novo

"Nacionalismo Galego Triunfal", titulaba A Nosa Terra o fito histórico de ser Lois Peña Novo "primeiro rexedor nacionalista da nosa patria". Saíra elixido polo Concello da Coruña nos comicios de 8 de febreiro de 1920.Presentábanse na lista dúas persoas procedentes das Irmandades da Fala, o propio Peña Novo e Antón Vilar Ponte, máis só o primeiro candidato conseguiu o escano, converténdose así no "primeiro concelleiro electo nunha candidatura nacionalista", explica Manuel Roca Cendán, gran coñecedor da vida do político e escritor, pois xa con anterioridade outros membros das Irmandades foran escollidos representantes, máis nunca desde unha lista propia.

A presentación dunha candidatura nacionalista tivo lugar entre a diverxencia de posturas dentro das propias Irmandades, coa opinión dividida entre as persoas partidarias da intervención política e aquelas que optaban por ficar reducidas ao cultural.

Hostilidade do caciquismo

Aínda que as eleccións se celebraron o 8 de febreiro de 1920, Peña Novo non tomou posesión até tres meses despois, en xuño do mesmo ano. A lista foi impugnada polos caciques locais, nun intento de afastar da institución o ideario progresista representado polo concelleiro nacionalista, comenta Roca Cendán. Mais, finalmente, tomou posesión no cargo que legalmente lle correspondía e que ocupou até 1923, cando a instauración da ditadura de Miguel Primo de Rivera o expulsou do posto que desenvolvía por elección democrática.

Aínda que as eleccións se celebraron o 8 de febreiro de 1920, Peña Novo non tomou posesión até tres meses despois, en xuño do mesmo ano

A súa actividade política estivo marcada pola defensa da oficialidade da lingua galega. Igualmente, levou a cabo unha potente protesta contra os foros e contra outros conflitos enmarcados no rural galego. Grazas a el, a bandeira da Galiza ondeou o 25 de xullo na Coruña.

Pensamento económico

Unha das súas actividades máis importantes centrouse no tema económico, sendo membro da comisión de facenda e estatística, onde aproveitou para protestar contra o proteccionismo do Estado español que prexudicaba a nación galega. De facto, Roca Cendán destaca como un dos trazos máis salientábeis de Peña Novo o seu pensamento económico progresista, publicado en diferentes escritos ao longo da súa vida, como o libro La Mancomunidad Gallega (1921). Peña Novo defendía, por exemplo, a instauración dun "imposto de renda progresiva" que non existiu até a II República. Alexandre Bóveda sería continuador da súa liña de traballo, ampliando os seus estudos.

Peña Novo defendía, por exemplo, a instauración dun "imposto de renda progresiva" que non existiu até a II República

Peña Novo tamén loitou pola eliminación dos foros, sendo o encargado de redactar o escrito que así o demandaba como resultado da II Asemblea das Irmandades da Fala (1920). Ademais, puxou pola creación dunha Banca Pública Galega, que consideraba "imprescindíbel para darlle pulo ao desenvolvemento da Galiza", di Roca Cendán, procurando o aproveitamento dos recursos agrogandeiros e marítimos.

Por outra banda, durante a súa actividade política promoveu a creación dun Museo de Arte Galega, así como numerosos actos en reivindicación de figuras tan relevantes como Nicomedes Pastor Díaz, Manuel Murguía ou Rosalía de Castro.

Firme defensor do Estatuto de Autonomía da Galiza

Peña Novo foi membro, durante a II República, da comisión redactora do Proxecto de Estatuto de Autonomía para Galiza da Federación Republicana Gallega e relator na presentación e defensa desa proposta na asemblea celebrada na Coruña os días 4 e 5 de xuño de 1931, na que se aprobaron as "Bases para o Estatuto Galego", que defendían a autonomía integral como Estado dentro da República Federal. 

Lois Peña Novo, cen anos do "primeiro rexedor nacionalista da nosa patria"
comentarios