Lois Patiño: "O novo cinema galego está a ter un recoñecemento internacional sen precedentes"

A obra do vigués Lois Patiño vén de percorrer algunhas das grandes citas do cinema internacional, atesourando éxito tras éxito. A uns poucos meses da estrea do seu vindeiro traballo, Costa da Morte, o cineasta debulla con nós as claves dunha filmografía que afonda na fascinación do ser humano ante a inmensidade da natureza. 

Lois Patiño
photo_camera Lois Patiño

Após o aplauso da crítica en obras experimentais como Montaña en Sombra, Lois Patiño promete unha mirada máis antropolóxica e folclórica nun proxecto co que regresa á súa Galiza natal. Aliás, o momento creativo sen precedente que atravesa o cinema galego centra as reflexións desta entrevista.

-Alemaña, Bos Aires, Roma... En varios e relevantes certames do último ano proxectou, levou premios ou se fixeron ciclos adicados a súa obra. Como senta este recoñecemento?

A verdade é que, dende o festival de Roma, en novembro do pasado ano, outros eventos de cine internacionais fóronse abrindo á miña obra. Foi un efecto dominó. De repente vin con orgullo como as citas que marcan tendencia, centradas nos proxectos que están na vangarda do cine, se foron interesando polo meu nome. Así, chegou o festival de Bos Aires e o de Oberhausen en Alemaña, onde gañei un premio. Malia que antes do festival de Roma xa estivera nalgún certame internacional, un evento desta importancia fai que os focos se pousen sobre ti e que os programadores acudan ao teu traballo con outra disposición.

"O máis poderoso que ten o cine é que permite ser un espazo virxe a raíz do contacto que mantén con todas as artes, dende a literatura até o teatro, a pintura ou a fotografía".

-Coida estar perto desa profesionalización do traballo artístico tan ansiada e difícil de conseguir?

Comer do cine é moi difícil e, a pesar de que din un paso adiante e as películas empezan dar un pouco de rendemento, os beneficios son moi limitados. Ademais, tal e como está agora o panorama, uns proxectos destas características, que non están concibidos para tal fin, resulta complicado que sexan rendíbeis, malia que a idea sexa progresar paulatinamente nese sentido. 

-Achégase ao xénero documental de viaxes dende o punto de vista etnográfico pero, por riba de todo, dunha experiencia humana case relixiosa... non si?

[Ri]. Os meus últimos traballos fan moito fincapé na experiencia contemplativa da paisaxe na que a miña mirada trata de transcender o espazo real para acadar un estado de contemplación máis profundo. Por iso, a denominación que utilizaches de experiencia relixiosa é axeitada, porque a través dunha mirada profunda, procúrase transcender as paisaxes. 

-A predilección polas atmosferas oníricas relaciónase co feito de que a súa formación, alén da arte, pasase pola psicoloxía?

Cando fixen psicoloxía, interesábame moito o estudo dos estados da percepción e os estados alterados de consciencia. Por iso, nas miñas películas, trato de transmitir unha especie de estado hipnótico, construíndo atmosferas envolventes que absorban o espectador e que proxecten a calma pero, á vez, o misterio fronte á natureza. Mais, doutra banda, por ser fillo de pintores, sempre estiven moi influenciado pola pintura, dende os artistas románticos até os que tenden á abstracción. 

-Nunha entrevista recente afirmou que o cine lle atraía por ser un territorio inda virxe. Que engade ao seu traballo esa inclinación cara o experimental?

O meu traballo pódase englobar nun cine das orixes, moi primitivo, que tende cara o esencial. Non adoito mover a cámara, predominan os planos fixos e tento atender ao movemento da paisaxe sen apenas eu intervir, salvo pola mirada e a duración dela que aporto. Creo que o cine segue sendo un territorio moi inexplorado hoxe en día, algo que me ilusiona, de igual modo que ao resto de  cineastas que ven un abanico de posibilidades inmensas ante os seus ollos.  

-No seu audiovisual fai continuos acenos á pintura e a fotografía. Admira esta elasticidade do cine para integrar calquera tipo de arte?

Eu creo que o máis poderoso que ten o cine é que permite ser un espazo virxe a raíz do contacto que mantén con todas as artes, dende a literatura até o teatro, a pintura ou a fotografía. A miña liña sempre estivo máis ligada a estas dúas últimas porque os meus traballos non son narrativos, non teñen nin relato nin argumento, senón que se basean no poder das imaxes e seu o misterio. Pero, dende logo, as inmensas posibilidades do cine veñen dese contacto coas demais artes. 

 "O novo cinema galego e vangarda, dunha calidade moi grande e que dialoga co cinema máis contemporáneo"

-O paso do tempo e a morte son outros motivos constantes na súa obra, inda que sexa moi novo.

[RI]. Si, si. Teño 30 anos e a verdade é que son uns temas aos que recorro porque para min resultan un enigma. A miña obra parte sempre da reflexión. 

-É unha fazaña facerse un oco entre os nomes das artes galegas cunha traxectoria que inda está a despegar?

Síntome afortunado de que os meus traballos vaian tendo recoñecemento, malia que este é un efecto colateral. Eu procuro sentirme realizado en cada película que fago, progresar e explorar as capacidades expresivas do cine. Que se escoite o teu nome por aí, sempre é motivo de alegría, pero non deixa de ser algo secundario.

-O director do S8 da Coruña, Ángel Rueda, comentaba nunha entrevista recente con SG que, mentres o seu traballo tiña grande prestixio fóra da Galiza, aquí era case un descoñecido. Ninguén é profeta na súa terra?

Malia que é verdade que o recoñecemento chegoume a partir de festivais internacionais e agora na América Latina, por exemplo, agardan o meu vindeiro filme [Costa da Morte] con certa expectación, na Galiza distintos encontros tamén contribuíron en dar a coñecer o meu traballo. O Play Doc de Tui, Cineuropa en Compostela, o S8 da Coruña ou mesmo o CGAI son lugares nos que sempre amosaron atención ao meu traballo. Polo tanto, non podo menosprezar o cariño que me teñen brindado. 

-Nun tempo no que se está a falar tanto do novo cinema galego, onde se inclúe tamén o seu nome, como definiría o fenómeno?

Precisamente, o de fenómeno está moi ben usado porque non deixa de ser algo estraño [ri]. Para definilo, hai que ter en conta que é un cine de vangarda, dunha calidade moi grande e que dialoga co cinema máis contemporáneo. O novo cine galego nace dun grupo de autores novos con cadanseus estilos, temas e obsesións, por iso, nestes termos é difícil explicalo. O que si que o caracteriza é a súa condición de cine radical que explora novas linguaxes cinematográficas. Precisamente, esa vontade rompedora que o sitúa á beira das vangardas do cine mundial, foi a responsábel do enorme recoñecemento internacional que está atesourando. 

-Caracteriza tamén o movemento a limitación dos recursos?

Si, por suposto. Hai que pensar que a súa capacidade de transgresión débese, en grande parte, á limitación dos recursos. Xeralmente, nas grandes superproducións sóese ter máis medo ao fracaso e, polo tanto, innóvase menos. En cambio, coas películas de baixo orzamento, a liberdade creativa é absoluta. Até o de agora, a creación audiovisual na Galiza apoiouse institucionalmente con moi poucos recursos, alén das axudas do AGADIC, que permitiron facer os grandes filmes que temos agora no noso cinema. E, malia ser unha inversión moi pequena, que normalmente supón o 8% do orzamento total, o resultado é inmenso. Dende logo, se non se manteñen as axudas, tal e como apareceu, o novo cinema galego desaparecerá.

"No coloquio que decorreu en Bos Aires, após a presentación dun filme meu, todos os asistentes me preguntaban que era o novo cinema galego".

-É a primeira vez que o audiovisual galego logra unha corrente de seu?

Malia que non son un experto en historia cinematográfica galega, polo que fun falando con colegas, a repercusión internacional que ten, o seu recoñecemento nos festivais mundiais e por parte da crítica especializada, non ten precedentes na Galiza. Non é que sexan un par de directores. Son moitos autores trunfando no estranxeiro e é algo realmente sorprendente. No coloquio que decorreu en Bos Aires, após a presentación dun filme meu, todos os asistentes me preguntaban que era o novo cinema galego. Alén diso, no ambiente cinematográfico mundial percíbese esa expectación. Todos están pendentes do que aquí sucede. 

-Que nos pode adiantar da súa vindeira longa?

É un proxecto que recorre A Costa da Morte a través das paisaxes e dos traballos tradicionais. Trata de vincular a intimidade do traballo coa inmensidade da paisaxe, captando o diálogo entre o home e a natureza que, en ocasións, se converte en loita coma no caso dos percebeiros. A nivel formal, é unha película que segue a liña dos meus últimos traballos, gravando dende a distancia e coa figura humana afastada. Con todo, ten unha mirada máis antropolóxica cós meus anteriores traballos, porque se ve o folclore do lugar e hai diálogos dos veciños que van profundando no imaxinario colectivo da Costa da Morte. O estreo terá lugar nun par de meses, nun festival europeo pero, polo de agora, non podo dicir máis. 

Comentarios