Lois Patiño acada o premio á mellor curta no Festival de San Francisco

O último filme de Lois Patiño, Noite sem distância, que fala do contrabando na fronteira entre Galiza e Portugal, vén de ser galardoado co premio á mellor curtametraxe no 59ª Festival Internacional de Cinema de San Francisco.  

loispatinho
photo_camera Imaxe do filme

A fita está producida por Curtas Vila do Conde e conta a historia do contrabando que durante séculos atravesou a liña que separa os dous países. Unha separación que desaparecía pola noite cando os contrabandistas cruzaban dun lado a outro a través da serra do Xurés coas suas mercadorías. 

Noite sem distância foi presentado na sección Golden Gate de curtas narrativas deste festival, que é o máis antigo de América. A fita, estreada o pasado ano, xa fora presentada en ducias de festivais, como o de Locarno, o de Toronto, o de Nova York ou no compostelán Curtocircuíto.

Segundo afirma Lois Patiño (Vigo, 1983), un dos directores máis destacados do chamado Novo Cinema Galego, na súa propia web, “a idea de fronteira pareceume un tema moi interesante sobre o que profundizar así que lin sobre a historia do lugar e percorrín toda a liña fronteiriza que, desde o Atlántico e percorrendo logo o Miño, separa ambos os dous países”. 

Trátase dun filme experimental, no que se mesturan a ficción e o documental “tratando de lograr un equilibrio entre o contemplativo, o conceptual e o narrativo”, nas súas palabras. “Quería traballar en torno á idea de instante na memoria da paisaxe. Decidín entón representar unha escena de contrabando na Serra do Xurés, nas rotas por onde realmente pasaban os contrabandistas. Faría participar tamén como actores as propias persoas da zona (varios deles foron realmente contrabandistas na súa xuventude)”. 

Noite sem distância - Teaser from lois patiño on Vimeo.

Comentarios