Patrimonio

Localizan novos petróglifos en Cervantes

Desde 2013 descubríronse 20 grupos de gravados no concello 
Petróglifo circular descuberto en Cervantes.
photo_camera Petróglifo circular descuberto en Cervantes.

Tres novos achados de petróglifos veñen de sumarse aos 19 grupos documentados no concello de Cervantes, na comarca dos Ancares, desde a aparición dos primeiros conxuntos en 2013. Os restos apareceron nesta ocasión na paraxe coñecida como Río de Auga, situada a 1.310 metros de altitude, entre os montes do Pico da Legua e o Teso de Acevedo, pertencentes á parroquia do Pando. Estímase que os vestixios datan da Idade do Bronce, hai uns 4.000 anos. A descuberta fixérona, como na maioría dos casos, desde o colectivo Patrimonio dos Ancares, que a comunicou inmediatamente ao Servizo de Xestión Cultural da Consellaría de Cultura para que proceda á súa catalogación. Isto implica que se convertan automaticamente en Ben de Interese Cultural

Círculos concéntricos

Tal e como sinala o presidente de Patrimonio dos Ancares, Xabier Moure, os petróglifos presentan motivos circulares, algo pouco frecuente na zona. Concretamente, os gravados atopados teñen unha combinación de tres círculos concéntricos con coviña central, no centro da parte superior dunha pena granítica lixeiramente inclinada, duns tres metros de longo por dous de ancho. O círculo exterior ten unhas dimensións duns 30 centímetros de diámetro. En dúas esquinas da rocha tamén foron insculpidos dous grupos de dúas e catro cazoletas. Este é o nome que, xunto co de coviña ou corgo, reciben en arqueoloxía os pequenos ocos escavados na superficie dalgunhas rochas, tendo xeralmente unha sección semiesférica e planta circular (aínda que tamén se atopen de planta cuadrangular).

Significados descoñecidos

Ambos motivos ofrecen un "significado simbólico-relixioso de difícil interpretación", sinalan desde a asociación. As hipóteses, con todo, non faltan, se ben cabe a posibilidade de que o seu significado só fose comprensíbel a determinadas integrantes da sociedade da época. As cazoletas, que se atopan na maioría dos complexos rupestres galegos, quer soas quer asociadas a outros motivos, poderían entenderse como recipientes para ofrendas, lugares para recoller a auga utilizada nalgún tipo de ritual, receptáculos para sacrificios, símbolos de carácter sexual feminino relacionados coa fertilidade, delimitadores de espazos sagrados ou relixiosos etc. Pola súa banda, os círculos concéntricos tamén son figuras enigmáticas, obxecto de varias interpretacións: representacións do sol, escudos, ofrendas votivas...

Até o presente, son 20 os grupos de petróglifos que Patrimonio dos Ancares leva documentado no concello de Cervantes, case todos compostos por coviñas, agás tres combinacións circulares, incluída esta, un semicírculo e a representación dun ungulado (pezuño de animal). Sinalan desde o colectivo que chama poderosamente a atención que en todos os concellos situados na parte máis oriental do norte do país, limítrofes con Asturias e León, desde Ribadeo até Quiroga, agás no de Cervantes, a presenza de petróglifos é case nula, documentándose só un grupo en Ribadeo (descuberto pola asociación Mariña Patrimonio), A Fonsagrada (localizado por eles), Folgoso do Courel e Quiroga. Por outra banda, os petróglifos do concello de Cervantes atópanse en zonas moi elevadas. O de Mustallar é, de facto, o situado a maior altitude da Galiza, gravado a 1.800 metros, distinción que ostenta desde novembro de 2015, cando foi catalogado por patrimonio.

Preto das campas

Entre todos os petróglifos documentados en Cervantes, nas parroquias de Donís e O Pando, predominan os insculpidos sobre granito con 15 grupos. Só catro son sobre xisto e un sobre cuarcita. Agás un dos conxuntos, sitúanse nas proximidades das campas, asentamentos temporais localizados en lugares altos e chans empregados pola veciñanza "desde finais de primavera até comezos do outono para aproveitamento dos pastos para o gando e a semente e recolleita do pan", explica Moure. 
 

Comentarios