CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Lobos sucios ou como dúas mineiras galegas mudaron o rumo da II Guerra Mundial

Esta sexta feira 8 de abril estréase Lobos sucios, o filme dirixido polo coruñés Simón Casal. Con tal motivo resgatamos a crítica de Andrés Castro que vira a luz no seu día no Sermos172.

lobossucios2
photo_camera Un fotograma do filme

LOBOS SUCIOS 

(Galiza-Bélxica 2015, 105 min.)
Dirección: Simón Casal
Guión: Carmen Abarca, Paula Cons, Noelia del Río e Felipe Rodríguez Lameiro
Fotografía: Sergi Gallardo
Música: Sergio Moure de Oteiza
Elenco: Marian Álvarez, Manuela Vellés, Pierre Kiwitt, Isak Férriz, Sam Louwyck, Thomas Coumans, Ricardo de Barreiro, Xosé M. Esperante, Luisa Merelas

SINOPSE

Manuela (Marian Álvarez) é unha mineira rexeitada por ser medio meiga, pero capaz de se embarcar nun roubo aos nazis para tratar de curar a súa filla enferma. Pola súa parte, Candela (Manuela Vellés), a súa irmá pequena, é quen a acompaña nesta gran aventura na que demostrarán que dúas mineiras galegas puideron cambiar o curso da historia da Segunda Guerra Mundial.

CRÍTICA 

O coruñés Simón Casal atrévese cun filme ambientado na II Guerra Mundial que recupera un episodio recente da nosa historia: as minas nazis de Casaio (Ourense). Unha interesante ópera prima que fala do sacrificio propio polo ben común e que xa foi presentada con éxito no Festival Internacional de Mill Valley (California) e tivo a súa estrea en Galiza, como non podería ser doutra forma, na gala inaugural do Festival Internacional de Ourense onde tamén obtivo unha pechada ovación. Lobos Sucios destila un enorme traballo de deseño de produción e artístico para lograr unha coidada ambientación que nos traslade á década de 1940. Un viaxe no tempo apoiada nun reparto internacional e dúas actrices en estado de graza: Marian Álvarez (Cuncha de Prata en San Sebastián a Mellor Actriz por A Ferida) e Manuela Vellés (Caótica Ana, Somos xente honrada). Interpretan a dúas irmás antagónicas, inspiradas nas verdadeiras irmáns Touza de Ribadavia, que viven do volframio que sacan das montañas de Casaio, un lugar onde está apostado un enclave nazi cedido por Franco, que utiliza o prezado mineral para fabricar as bombas e tanques necesarios para gañar a guerra.

O que non se chega a entender moi ben de Lobos Sucios é que, se acontece na Galiza profunda dos anos 40, e nunha zona mineira, como é que non se fala apenas galego?

Manuela (Marian Álvarez) gaña o mísero xornal como mineira, pero Candela (Manuela Vellés), máis nova e testán, vende o volframio no mercado negro. Algo moito máis perigoso pero máis lucrativo. As súas vida cambian coa chegada de Miguel Peña (Isak Férriz), un republicano colaboracionista dos Aliados. De súpeto vense involucradas nunha perigosa trama de espionaxe que pode virar a balanza da guerra: roubar todo o volframio que almacenan antes de que o leven a Berlín. O desapiadado xefe alemán da mina (Pierre Kiwitt) non porá as cousas nada doadas... Ricardo de Barreiro (Celda 211, O Descoñecido) é outro dos actores destacados do filme. Interpreta a Virutas, un agradecido papel de “alivio cómico” onde métese na pel dun preso que se fai amigo de Peña e intenta animar sempre o ambiente dos barracóns a pesares das circunstancias. Barreiro gaña de lonxe as simpatías da audiencia. Excelente tamén a banda sonora composta por Sergio Moure (Extinction) coa que logra unha simbiose entre os sentimentos e as húmidas localizacións naturais do entorno illado no que se desenrola o filme. Localizacións en Santa Comba, Lousame, Guitiriz ou Zamora, para dar vida a unha mina rodeada dun teixadal medio enmeigado onde conviven meigas, mouros e os lobos, que dan título ao filme. Case pódese sentir o frío e humidade que traspasa a pantalla grazas unha coidada dirección de fotografía de Sergi Gallardo (La Por), só embazada polas secuencias nocturnas. Salvando as evidentes distancias, a trama de Lobos Sucios oscila entre Encadenados -na parte romántica entre Isak e Marian-, A Gran Evasión -con respecto ao campo de prisioneiros e fuxida-, e tamén apréciase un deixe a Pa Negre, pero á galega. A diferenza desta -que foi rodada como é natural en catalán por desenrolarse na Cataluña profunda da posguerra- o que non se chega a entender moi ben de Lobos Sucios é que, se acontece na Galiza profunda dos anos 40, e nunha zona mineira, como é que non se fala apenas galego? Nin sequera a avoa (Luísa Merelas)... E máis, se as personaxes inglesas, alemás e francesas falan entre elas no seu idioma, por que deixaron que as personaxes galegas non? Este “pequeno detalle” resta algo de credibilidade a un filme que vai de menos a máis e que, con todo, proporciona un dos finais máis trepidantes da tempada. En fin, quizais tomaron esta decisión por presións dalgunha das coprodutoras, ou que os actores protagonistas non eran galegos ou seica foi a ansia de querer darlle unha proxección máis internacional. Mais é un evidente erro pensar que por facer un filme en castelán vai ter máis éxito fóra, sobre todo visto o de Pa Negre (que arrasou nos Goya), Loreak (integramente en euskera e elixida para os Óscar) ou, máis concretamente, o exemplo a seguir de A Esmorga (rotundo éxito en Toulouse). Sexa como for é unha mágoa que Simón Casal deixara pasar esta enorme oportunidade de facer un filme redondo. Quizais na próxima ocasión... que talento non lle falta.

Comentarios