CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Loa ao mestre Miyazaki

mary2
photo_camera Un fotograma do filme

MARY E A FLOR DA BRUXA

Meari to majo no hana

(Xapón 2017, 103 min.)

Dirección: Hiromasa Yonebayashi

Guión: Riko Sakaguchi e Hiromasa Yonebayashi

Música: Takatsugu Muramatsu

 

SINOPSE

Mary vai pasar o verán coa súa tía avoa que vive no campo. Un día persegue un misterioso gato até o bosque onde descobre unha flor máxica que lle outorga poderes de bruxa. No colexio de maxia Endor recibirá clases para poder desenrolar os seus novos poderes.

 

CRÍTICA

O retiro de Hayao Miyazaki en 2013 deixou un pouco orfo o mundo da animación e bastante tocado ao Studio Ghibli que decidiu, con bastante bon tino, dar un parón após A lembranza de Marnie (ver Sermos Galiza nº207). Despois de reflexionar sobre as estratexias como compañía de animación, reaparece, en 2016, coa coprodución franco-nipona A tartaruga vermella (ver Sermos Galiza nº244), un filme extraordinario que rompía de raíz con todo o anterior, quer no fondo quer nas formas. O Studio Ghibli tomaba un novo rumbo. Un grupo de antigos empregados de Ghibli, nostálxicos da era Miyazaki, deciden fundar o seu propio estudio de animación para tratar de continuar co seu legado. Así naceu o Studio Ponoc, con Mary e a flor da bruxa como primeira achega.

 

Adaptación da novela infantil A pequena escoba de pau de Mary Stewart dirixida por Hiromasa Yonebayashi, director tamén de A lembranza de Marnie, e escrita por Riko Sakaguchi, responsable do texto da xenial O conto da princesa Kaguya (ver Sermos Galiza nº205). Narra a historia de Mary, unha nena de pelo roibo que pasa o verán na casa de campo da súa tía avoa. Non hai televisión nin videoxogos, así que, para non morrer de aburrimento, trata de axudar os maiores. Como é bastante desastrada, estorba máis que axuda así que fai o único que pode facer nun lugar así... xogar no campo. Un día persegue un gato negro ata o máis profundo do bosque onde atopa unha misteriosa flor brillante. O que non sabe é que esta flor outorga poderes de bruxa a quen a toca. Desta forma acaba nunha escola para bruxas rexida por Madam Mumblechook e o doutor Dee. Após se recuperar do estraño que resulta todo este mundo de fantasía, comeza a percibir que algo non vai ben...

 

Desde o primeiro momento xa notamos a tremenda devoción polo mestre Miyazaki. Se o logo de Ghibli era a silueta de Totoro, aquí mantén practicamente o mesmo estilo pero coa silueta de Mary (a nena bruxa). As primeiras secuencias, que serven de prólogo, tamén nos lembran poderosamente os filmes de Miyazaki; o mesmo que o deseño de personaxes así como moitas das situacións que aparentan ser “algo máis” que unha simple homenaxe ao mestre. Todo semella un déjà vu constante. O meu veciño Totoro (ver Sermos Galiza nº54), Nicky aprendiz de bruxa ou A viaxe de Chihiro están constantemente latentes durante a metraxe. Un popurrí de filmes de Miyazaki mesturado con Alicia no país das marabillas, O mago de Oz e Harry Potter.

 

A sensación vén sendo algo semellante ao que pasa coas novas entregas de Astérix. Após a retirada de Uderzo, o debuxante Conrad mailo guionista Ferry quixeron continuar o legado de Astérix. Por suposto contaron cos parabéns de Uderzo (Goscinny levaba morto corenta anos). Os debuxos son practicamente idénticos, a historia mantén todos os tópicos de Astérix, Obélix e compañía... En aparencia todo igual... Todo? Non, todos e todas sabemos que non é o mesmo. Calma o “mono” si, pero notamos que falta algo: a esencia, a chispa... non sabemos moi ben o que é, pero igual igual... non é. Pois o mesmo acontece con Mary e a flor da bruxa. Ten os parabéns de Miyazaki, semella debuxada por Miyazaki e mantén o espírito de mulleres heroínas e mensaxe ecolóxica “marca da casa” de Miyazaki... pero non é Miyazaki.

 

Con todo non nos enganemos, Mary e a flor da bruxa é un filme de animación brutal, do mellor que se fixo estes últimos anos no país do sol nacente. O que pasa é que peca de querer ser Miyazaki no lugar de Miyazaki... Supoño que o fixeron con toda a boa intención pero o Studio Ponoc nace xa cun estigma de ser un clon do Studio Ghibli. Realmente era necesario? Si e non... “Si” porque é certo que había moita nostalxia dos “bos tempos” do Studio Ghibli, e “non” porque semella que —si, amigos e amigas— Miyazaki xa volveu cunha curta (Boro a eiruga) e xa ten —atención—unha nova longametraxe en marcha (baseada nunha novela de Genzaburô Yoshino) que, probablemente, —e esta vez si— sexa “definitivamente” a súa derradeira longametraxe...

 

Haberá agora fuga de cerebros do Studio Ponoc cara so Studio Ghibli? Ou farán un parón para reflexionar a súa propia estratexia?... Ás veces a nostalxia crea bucles infinitos.

 

Comentarios