martes 07.04.2020

Inma López Silva: "A literatura pode amosar non o que é, senón o que podería ser"

Inma López Silva, escritora
A escritora Inma López Silva. Foto: Judit Cendón.
A escritora Inma López Silva. Foto: Judit Cendón.

O libro da filla (Galaxia, 2020) comeza cun home preso que aproveita un permiso penitenciario para  relatarlle á xornalista Helena Sánchez a súa historia: encarcerado por abusar sexualmente da súa filla, asegura ser inocente. Este encontro dispara a trama dunha novela escura, en que a fronteira entre a verdade e a mentira é difusa, e a violencia machista está directamente relacionada co progresivo avance do neofascismo. "Eu quería falar en concreto sobre o abuso sexual na vida familiar", explica a autora, Inma López Silva (Santiago de Compostela, 1978), a Nós Diario, "porque é unha violencia aínda por destapar".

—Cal foi o pulo inicial para escribir O libro da filla?

Antes de ter argumento ou unha historia, atopei unha idea. Eu quería falar da épica da verdade e a mentira, esa foi a idea inicial. Viña da novela anterior, Aqueles días en que eramos malas (2016), en que todo o mundo minte, ou minte nalgún momento. Comecei a ler moito sobre o asunto, pero sen ter unha historia. Até que un día contactou comigo un home preso que coñecera nunha visita ao cárcere. E pediume vernos nun permiso para contarme a súa historia. É a que se conta no principio da novela: un home cumpre condena por violar a súa filla e defende que é inocente. Vin claro que había unha historia para contar, pero foi un pouco máis profundo. Atopeime a min mesma confrontada con esa épica da verdade e da mentira sobre a que viña pensando, sen máis ferramentas que decidir crer ou non crer a esa persoa. Decateime de que o que quería contar non era a historia concreta de intriga, senón esa disxuntiva: cando temos que tomar esa decisión, que é política e de responsabilidade cidadá. A quen queres crer e onde queres colocas a túa responsabilidade sobre a verdade e a mentira.

—É por iso que unha das protagonistas é xornalista, pola relación que ten ese oficio coa verdade, a mentira e a realidade?

Vin moi claro desde o primeiro momento que o xornalismo era o espazo que me permitía canalizar todo iso. Pero se repara, a personaxe é xornalista pero o que se conta é o enfrontamento da súa acción laboral e a súa vida persoal. Eu quería colocar esas cuestións no espazo íntimo, no espazo onde todas e todos nós temos capacidade. Iso explica que a xornalista tomase a decisión que toma no seu ámbito laboral. A diario todos batemos coa necesidade de tomar ese tipo de decisións. Cando cedemos ese ámbito de responsabilidade persoal é cando agroman os totalitarismos a través das fake news e da propia mentira persoal, de se amparar nas convencións e na definición do éxito público ou colectivo. A novela tamén quere contar que, canto máis libres somos, máis incómodas estamos. O xornalismo permitíame isto, á parte de que quería facer unha homenaxe a un determinado tipo de xornalismo. O que aparece na novela aparece como salvargarda de certos valores da liberdade, da democracia, se me apuras.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube

comentarios