ESPECIAL SOBRE ANTONIO FRAGUAS

A literatura oral na vida e obra de Antonio Fraguas

Antonio Fraguas recolleu lendas e cantigas populares, formas de expresión e de entender o mundo. Fíxoo para construír un discurso sobre a cultura. A súa tendencia innata a fixarse en contos, lendas e demais manifestacións da literatura popular xuntouse co feito de medrar entre persoas nas que esas formas literarias xermolaban.

Sen título
photo_camera Antonio Fraguas, á dereita, é entrevistado por Xoán Carlos Garrido na súa casa (foto Marcelo Vidal).

Sen títuloUnha faciana de don Antonio salientada por todos os que o coñecemos é a de ser un narrador nato, ata o punto de que nas súas conversas e intervencións sobre temas de cultura popular resultaba difícil diferenciar o erudito con formación superior do outrora mociño natural de terras de Cotobade. Esta virtude non nacera por casualidade, ou por aprendizaxe forzada, senón que estaba en relación co seu propio ser e co medio rural da parroquia de Loureiro, onde se criara.

En efecto, a súa tendencia innata a fixarse en cantigas, contos, lendas e demais manifestacións da literatura popular xuntouse co feito de medrar entre xente na que esas formas literarias xermolaban en calquera lugar ou momento. De persoas como a súa propia nai, de veciños de Insuela ou de mozas de Valongo, Augasantas e Loureiro recolleu moitas pezas, como el mesmo confesou en máis dunha ocasión. Con todo, unha informadora lembrada por el con moito agarimo era mamá Antonia, unha muller que, sen ser da familia, vivía na casa familiar de Insuela, e axudou a educalo, malia ser analfabeta. En propias palabras do profesor Fraguas, ela ensinoulle “oracións, ditos, refráns e cantigas, lendas de santos, de mouros, de ladróns e contos de xentes que van de camiño”.

Todo ese conxunto de valores culturais podería quedar en saudosa lembranza de infancia se o pai de don Antonio cumprise a intención de marchar con muller e fillo para o Brasil, onde xa estivera por un tempo. Pero os consellos dun mestre levaron os proxenitores a un cambio de opinión e, como se dicía vulgarmente, metérono a estudar. Grazas a iso puido coñecer a persoas do galeguismo como Antón Lousada Diéguez e tamén chegar a membro do Seminario de Estudos Galegos, onde o seu amor a Galicia e a súa cultura autóctona tomaron forma académica , malia non perder nunca o orgullo de “ser de aldea”.

Era consciente de que a literatura popular non se limita a amosar unhas formas lingüísticas e literarias, senón que tamén transmite crenzas, valores e ideas

O percorrido de formación en Pontevedra e Santiago levouno a ser un ameno docente, xeógrafo, arqueólogo, historiador e divulgador cultural en xornais e revistas. Non obstante, o campo no que agroman mellor as súas querenzas é no da Etnografía ou Folclore. E dentro deste ámbito de coñecemento, é de importancia o esforzo por recoller datos antes de que as novas modas acabasen coa nosa rica literatura oral, tarefa fomentada polos folcloristas de toda Europa dende o século XIX.

Escritos publicados en Nós

Son testemuño disto dous escritos seus da primeira época publicados na revista Nós en 1931, un sobre o folclore de Armeses, lugar de terras ourensás onde nacera a súa nai, e outro sobre as lendas da Fonte Pormás-Arzúa. Cando o Seminario de Estudos Galegos decide levar adiante unha serie de xeiras de traballo de campo en diversas comarcas de Galicia, el vai participar moi activamente, especialmente como arqueólogo, catalogando castros, mais tamén como folclorista na medida en que se recollían neses catálogos as lendas sobre os distintos xacementos castrexos narradas por xente da contorna. Sirvan de exemplo as que figuran na publicación dedicada á Terra de Melide (1933), onde aparecen unhas moi interesantes lendas sobre tesouros, mouros e mouras ou donas encantadas.

É imposible no marco dun artigo de xornal citar todas as contribucións que nos deixou arredor desta temática. Por iso me cinguirei a citar unas poucas máis. Comezo polo seu libro Aportacións ó cancioneiro de Cotobade (primeira edición de 1985), obra que recolle 992 cantigas, parrafeos e composicións diversas. Ademais, reproduce na introdución un curioso sermón dunha cinzarrada, é dicir, unha composición de crítica dun casamento pouco aceptado pola xente do lugar, especialmente o dun viúvo de idade cunha moza nova, o cal gardaba na memoria unha muller chamada Pilara da Corredoira en 1931, ano no que don Antonio o recolleu.

Por outra parte, tamén resulta oportuno salientar os seus artigos sobre teatro popular, un aspecto pouco divulgado no seu tempo. A esta modalidade responde un dedicado a teatro de Entroido en Touro, publicado en 1951, outro moi breve sobre a farsa de Dulcinea, de Meda (Castroverde), do ano 1953, e, por último, o sermón de Pascua de Duarría (Castro de Rei), de 1957. Nestas sinxelas obriñas aparece o feito de combinar o galego co castelán como consecuencia de proceder de comunidades sometidas a una situación socio-lingüística con resultado de diglosia.

É de importancia o esforzo de Fraguas por recoller datos antes de que as novas modas acabasen coa nosa rica literatura oral

Don Antonio era consciente de que a literatura popular non se limita a amosar unhas formas lingüísticas e literarias, senón que tamén transmite crenzas, valores, ideas, sentimentos e arelas da sociedade que a mantén en uso. Por esta razón adoita ilustrar con cantigas, romances, lendas, refráns e contos traballos dedicados a temas diversos. Así o fai, por exemplo, no libro posto baixo o título xeral de A festa popular en Galicia (1995). Pero poden atoparse citas moi conmovedoras noutros escritos seus, entre eles un artigo sobre a Virxe no cancioneiro popular galego, editado no ano 1960.

Velaquí unha das cantigas recollidas, a cal lembra ben as angurias dos mariñeiros: “Virxe do Carme querida, /ós mariñeiros non deixes, /dálles bo vento de popa, /dálles tamén moitos peixes”. Noutra orde de cousas, temas sociais como a emigración a Portugal e Brasil, moi común nas terras cotobadesas, e a súa influencia na literatura oral, están ben representados en contribucións súas dadas a coñecer en 1946 e 1965 en publicacións de Portugal.

Xornalismo e literatura

Aínda que xa non pertenzan ao ámbito dos seus traballos sobre literatura oral, entendo que non se debe deixar de lado que don Antonio aproveitou temas históricos e populares para elaborar artigos xornalísticos nos que a descrición se mestura coa creatividade literaria. O fondo conceptual que se pode atopar nesta parte da súa produción é froito de combinar o seu galeguismo cun humanismo de raíz cristiá.

Esta dimensión aparece xa no primeiro texto que deu ao prelo, titulado Unha serán na catedral, publicado no ano 1929 en A Nosa Terra. Así mesmo, está presente no artigo Perfeutiño de Rebordelo, aparecido en Mundo Gallego no ano 1971. Escrito en castelán, lingua que cultiva por prudencia despois de ser represaliado a causa do seu galeguismo militante, é un canto á dignidade humana na figura dun personaxe popular de Cotobade, deses que a xente adoitaba definir como “tontos de pobo”. Calquera que poida ler este texto comprobará que se trata dunha fermosa lección do profesor Fraguas, chea de respecto e amor ao protagonista e, en consecuencia, cunha fonda carga ética.

[Este artigo forma parte do A FONDO especial sobre Antonio Fraguas, á venda a loxa]

Comentarios