xoves 03/12/20

Literatura oral, entre o romanceiro tradicional e o movemento bravú

A AELG publica as actas da xornada dedicada á súa análise
Particpantes na última xornada sobre literatura de tradición oral da AELG, en Lugo o pasado outubro. Foto: Arquivo AELG.
Particpantes na última xornada sobre literatura de tradición oral da AELG, en Lugo o pasado outubro. Foto: Arquivo AELG.

Foi Xurxo Souto quen empregou o compositor checo Gustav Mahler para falar da literatura oral galega. "A tradición é a transmisión do lume, non a adoración da cinza", expuxo na última das xornadas sobre a materia organizada pola Asociación de Escritoras en Lingua Galega (AELG) o pasado outubro. No subtítulo do encontro consta a súa singularidade: Do romanceiro tradicional ao bravú. As súas actas veñen de saír do prelo.

"Todo está máis relacionado do que se pensa", explica a Nós Diario o poeta e coordinador Lois Pérez (Lugo, 1979), "e como Dorothé Schubarth ou José Luís Forneiro ían tratar o cancioneiro, pensamos na necesidade de ver como se proxectara, cara a onde derivara". O 25 aniversario do movemento bravú deulles a escusa perfecta. Así, canda relatorios arredor do romance, as cantigas da montaña e a violencia contra as mulleres ou a Asociación de Gaiteiros Galegos e a recuperación e pasaxe da música tradicional, Xurxo Souto disertou sobre "novas formas da música popular, da romaría á festa, da movida ao bravú". "A aparición do bravú foi unha anomalía. Unha irrupción inesperada que rachou desde abaixo", escribe Souto, "desde a creatividade da xente nova, o discurso mediático dominante".

Co galego como idioma, o rock como linguaxe e as guitarras eléctricas como instrumento emblemático, algunhas das bandas adscritas á etiqueta facturaron cancións que pasaron ao repertorio popular contemporáneo, de Gaiteiro dos Diplomáticos de Monte-Alto a Tractorada dos Rastreros de Chantada. "Talvez desapareza o romanceiro tradicional, pero seguen a existir lugares para a música popular", entende Antonio Reigosa (Mondoñedo, 1958), o outro coordinador da xornada da AELG, "os tempos mudan e as influencias van e veñen". Non só no bravú: Reigosa cita os Tamara como exemplo de incorporación de ritmos latinos a lírica de tema e lingua galegos.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube

comentarios